Vicente García Legísima
O asunto "Sogama" ("Amagos" do revés) e a Xustiza
O texto saído do Tribunal Constitucional sobre Sogama fixo correr mares de tinta principiando pola propia nota de Sogama que di así: O Tribunal Constitucional rexeita o recurso do Concello de Pontevedra polo canón de Sogama, e por iso terá que pagar a débeda que se atopa en vía xudicial que ascende a 4.729.645,79 €.
O texto da resolución do Constitucional - supomos que se trata dunha providencia, aínda que non consta na mesma, como resulta obrigado- é o seguinte:
"ASUNTO: Recurso de amparo promovido por el Ayuntamiento de Pontevedra."
"La Sección ha examinado el recurso presentado y ha acordado no admitirlo a trámite, con arreglo a lo previsto en el art. 50.1.a) LOTC, dada la manifiesta inexistencia de violación de un derecho fundamental tutelable en amparo, violación que, de acuerdo con el art. 44.1 LOTC, es condición para que este Tribunal pueda ejercer dicha tutela."
Diante dos ríos de tinta que fixo e fai correr esta resolución, sen unha análise ou reflexión crítica da mesma, un, que unha e outra vez intenta crer na xustiza (con minúscula), no pode por menos ca sentir un grande desacougo e mágoa con resolucións coma a anterior, e con sentenzas coma a que está na orixe do recurso de amparo. Diante diso, un, que respecta todas as resolucións xudiciais, non pode permanecer calado. Proceden, cando menos, unhas pequenas reflexións sobre os antecedentes do caso; sobre as dúas resolucións xudiciais que nos mancan e que nos fan retroceder, dubidar nos esforzos cotiáns de crer na xustiza:
- Con data do 2-6-1997 o Concello de Pontevedra e Sogama subscribiron libre e voluntariamente un contrato para a xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos. No 31-3-1999, o alcalde da Corporación naquela data e Sogama asinaron unha addenda ao anterior contrato. Na cláusula terceira da addenda establecíase que o Concello abonaría a Sogama o importe resultante de multiplicar o número de toneladas de lixo polo canón de 4.500 pts./tn. Tamén se establecía que o prezo resultante sería revisado sucesivamente o 1 de xaneiro de cada ano, de acordo coas variacións do IPC e o prezo da enerxía. Finalmente na mesma cláusula facían constar as partes que a cantidade estipulada non era definitiva e que sería substuída no momento en que o Proxecto de Sogama permitira determinar o canon definitivo.
- Dende 1999 ata finais de 2003 as relacións contractuais entre o Concello e Sogama descorren sen incidencias. É a finais de 2003 cando Sogama (participada daquela nun 49% por UNIÓN FENOSA ENERXÍAS ESPECIAIS, S.A.) confecciona un chamado Plan de viabilidade. Un dos obxectivos do Plan era obter unha rendabilidade do 9% para os accionistas pola vía do reparto de diviendos. Inspirados nesas rendas deciden fixar un canon nomeado unitario cifrado en 44 €/ Tm máis IVE, con efectos do 1-1-2004.
PRIMEIRA REFLEXIÓN: Diante desta revisión do canon, fixada unilateralmente, non debía o Concello opoñerse á mesma, defendendo así os intereses dos administrados e do municipio? Debía aceptar sen máis unha decisión unilteral que tiña como un dos obxectivos obter dividendos para os accionistas? Cada quen pode opinar o que considere, pero en principio, parece lóxica e acertada a decisión do Concello de opoñerse ao canon así fixado.
- O Concello no ano 2004 actualiza o canon na forma contratualmente prevista, e Sogama formula o primeiro recurso. O Xulgado de instancia desestímao (vemos que un Tribunal estima axustada a dereito a postura adoptada polo Concello). Sogama recorre diante do Tribunal Superior de Galicia, quen estima o recurso de apelación da Sociedade referido ao exercicio do 2004 (a sentenza é do ano 2008). En todo caso, con independencia do canon, a fórmula que se debía utilizar para a revisión ou actualización da mesma necesariamente tiña que ser a prevista contractualmente (ter en conta o IPC pero tamén a variación do prezo da enerxía).
- Sogama, apoiándose en tal sentenza, vía execución, formula reclamación tamén contra os acordos municipais -15 en total- referidos aos anos 2005, 2006, 2007 e 7 meses do ano 2008. Neste caso tanto o Xulgado de Instancia, coma o Tribunal Superior de Galicia desestiman as pretensións de SOGAMA referidas aos períodos comentados.
SEGUNDA REFLEXIÓN: A reclamación de SOGAMA para os exercicios 2005, 2006, 2007 e sete meses de 2008 resultou desestimada, polo tanto a postura do Concello de Pontevedra na defensa dos intereses municipais resultou positiva no sentido de que por tales períodos abonouse o prezo, segundo o contrato de 1997 e addenda do 1999. ¿Que razón existe para esquecer esas sentenzas desfavorables para SOGAMA e positivas para o Concello?
- Sogama no ano 2009 formula un novo recurso reclamando as diferenzas de agosto a decembro do ano 2008. Neste caso o Xulgado de instancia estima o recurso de Sogama. O Concello interpón recurso de apelación, e o TSJ de Galicia en sentenza do 4-2-2013 estima o recurso de apelación, considerando axustada a dereito a actuación do Concello. Contra esta sentenza non cabía recurso ordinario algún.
- Sogama formula contra tal sentenza un recurso extraordinario que leva o nome de recurso de casación para unificación de doutrina. É de subliñar que para que se admita tal recurso, entre outros requisitos debe de cumprirse o seguinte: QUE A SENTENZA CUESTIONADA INCORRA NUNHA INFRACCIÓN LEGAL DO ORDENAMENTO AUTONÓMICO. Na sentenza do ano 2013 nin se chegan a invocar normas autonómicas. Por moito que se lea ou se analice aquela sentenza, non se atopará referencia algunha a unha norma autonómica. Non pode figurar na mesma por canto non foi obxecto de discusión entre as partes, nin se aplicou.
TERCEIRA REFLEXIÓN: O TSX de Galicia non podía, aplicando a lei, admitir o recurso de unificación de doutrina. Debeu ditar resolución nese sentido, sen entrar no fondo do asunto. As cousas non suceron así, e o TSX admite o recurso e, entrando no fondo do asunto, revoga a sentenza de febreiro de 2013 contra a que non cabía recurso ordinario. Sentenzas coma esta non fan xustiza e desprestixian aos Órganos encargados de administrala. ¿Violou esta sentenza dereitos fundamentais? A resposta ten que ser positiva. O TSX vulnera o Dereito á tutela xudicial efectiva sen indefensión e o dereito a un proceso con todas as garantía, ao infrinxir o principio de intanxibilidade das resolucións xudiciais. Vulnerase tal dereito por canto se permitiu a SOGAMA OBTER UNHA MODIFICACIÓN DUNHA RESOLUCIÓN FIRME FORA DAS CANLES PERMITIDAS POLAS LEIS (ao non existir infracción de norma autonómica non se podía ter admitido o recurso extraordinario de casación).
Tamén vulnera a sentenza o dereito á tutela xudicial efectiva sen indefensión ao incorrer a sentenza en incongruencia omisiva e por falta de motivación. No escrito de oposición ao recurso de casación para unificación de doutrina, o Concello argumentaba, entre outras cousas, que non se podía admitir o recurso por canto non existía na sentenza infración de norma autonómica e o Tribunal non dá resposta algunha a esta cuestión. Se o Tribunal entrase a valorar este motivo de oposición, necesarimente, o signo do fallo tiña que se outro: INADMISIÓN DO RECURSO. E así o admite o propio Tribunal, cando dita o auto de complemento de sentenza.
- 7. Diante de tal resolución o Concello presenta un recurso de amparo diante do Constitucional a finais de xaneiro de 2014. Un ano e catro meses despois, tempo suficiente para ler, cando menos, o recurso o Tribunal Constitucional dita a resolución transcrita ao inicio, considerando que non se vulnerou dereito fundamental algún.
CUARTA E ULTIMA REFLEXIÓN/CONCUSIÓN: Un xusticiable, neste caso o Concello de Pontevedra, vive con impotencia como se revoga unha sentenza contra a que non cabía recurso ordinario, utilizando un recurso extraordinario que coa lei na man, sen necesidade de esforzo en interpretala, non se tiña que ter admitido pola poderosa razón de que non se tiña infrinxida norma autonómica... e ve tamén con impotencia como o Constitucional en catro liñas mantén que non existe violación de dereito fundamental algún. Este xusticiable contempla que fácil é cambiar o signo dunha sentenza contra a que non cabe recurso e como DESAPARECE O PRINCIPIO DE SEGURIDADE XURÍDICA.
Tamén contempla con impotencia como se permite que non se respecten os pactos contidos nos contratos (de nada vale que se fixe o método para revisar o prezo. Cando non sirven aos intereses dos máis poderosos, poden trocarse).