Manuel Pérez Lourido
Ser gracioso ou caer en gracia
Veño disposto a enunciar unha verdade que se quere ocultar, que non se di, que fica agochada mentres comemos unha tapa de orella nun bar da zona vella, como se nada importase...
O comportamento do ser humano foi obxecto de estudo dende moi lonxe nos tempos. Disciplinas como a socioloxía, a psicoloxía, a historia, a antropoloxía e a filatelia, poden achegarnos numerosos datos sobre o noso ser e o noso estar na superficie do planeta. Poden explicar moreas de cousas, agás algúns misterios insondables coma os moais da illa de Pascua e o éxito do Disiclín. Pero, en non poucas ocasións, xorden patróns de comportamento que se deixan esquecidos, que caen nas beiras dos camiños da historia porque ninguén quere afondar nas súas razóns primixenias.
Isto sucede con persoas que transcenden ao interese da opinión pública, converténdose en personaxes. Neles conflúe o inconsciente colectivo que inventara Jung, sen saber moi ben para que serviría, pero que queda niquelado para explicar a reacción de toda unha comunidade cara estes personaxes que certo día deixaron de ser persoas. Pasaron a ser seres obxecto do odio común, a converterse en lixo mediático, de xeito que todo o que fan ou din, ou din que van facer, libera gargalladas de xenreira e cuspe polo chan, a eito. Teñen tamén os seus fans, pero se cadra porque ten que haber de todo.
Estamos a falar de individuos coma Xosé Mourinho, José Mª Aznar e Eduardo Inda. Tres ámbitos de acción, tres tipos de odio, tres tristes tigres. Pois así é que se moven no seu entorno: coma tigres albiscando a súa presa, coma almorranas que non conciben outro fin que molestar (por dicilo finamente). Nota mental: ten que haber unha figura literaria para iso de describir a alguén coma tigre e almorrana ao mesmo tempo. Indagalo.
A agresividade que amosan estes persoeiros diante das súas presas é directamente proporcional á doenza interior, mental, psíquica, que producen nas súas vítimas. Estas son xeralmente xente con acceso aos medios de comunicación así como os propios subministradores da información, que sofren un síndrome de Estocolmo pero á inversa.
Pois ben, a tese que explica toda esta estremonía de odios e alka seltzer (porque odiar bate moito no estómago e non poucas veces consegue esnaquizalo) non é exactamente o que parece. Non é o que fan ou deixan de facer, o que fan ou deixan de dicir, se a cagan aquí ou se mexan alá. Non. Hai xente dabondo polo mundo adiante facendo maiores barbaridades, nos mesmos ámbitos que atinxen aos nomeados coma exemplo. O asunto, a clave, é que estas personaxes fan todo iso pero con chulería.
E aí si que xa non. Podemos perdoar case todo, sobre todo se pagan un viño, se nos inauguran un pavillón, se nos deixan cantar as corenta en copas... pero a nós chulitos, non.
Ti podes roubar ou deixar que rouben, mentir ou tapar as mentiras, estafar ou beneficiarte dos que estafan, pero se es campechano xa está. Ese é o segredo: a naturalidade, a proximidade, a frescura na felonía.
Outro conto sería o análise das razóns desta forma de reaccionar: que complexos, que eivas psicolóxicas, que doenzas espirituais arrastramos con nós que poidan explicar este comportamento, tan visceral nuns casos e tan permisivo nos outros. Pero, iso, xa é outro conto...