Xermán Torres
As pantuflas de Filgueira e outras lindezas
Algunhas persoas desde a xenreira, o extremismo, ademais do sectarismo emiten opinións, cando menos lamentables, sobre o gran intelectual pontevedrés, Xosé Fernando Filgueira Valverde (1906-1996), a quen, obrando con xustiza, a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas deste ano 2015. Acontecemento que debera ser unha honra para todos os galegos xa que a obra de Filgueira sobresae por cantidade e calidade e ten por obxectivo soerguer Galicia.
Despois de navegar uns intres por Internet, tecleando Filgueira Valverde nos buscadores atopei que nalgúns blogs e nalgúns dos seus post ou entradas que falan da relación entre Fermín Bouza Brey e Xosé Fernando Filgueira Valverde. E puiden ler algo que non me cadraba e me deixaba un tanto abraiado e que me desconcertaba certamente. Comentaban algo así como que Bouza Brey foi expulsado da Maxistratura porque Filgueira Valverde actuará como delator e que tamén o mesmo Filgueira participara nunha artimaña para desvelar a homosexualidade de D. Fermín, quedei verdadeiramente desacougado.
Eu mantiven e aínda manteño unha relación de mutua amizade con familiares de D. Fermín Bouza Brey, entre eles, a poetisa Xaquina Trillo (tristemente xa falecida) e a súa filla Emilia Ruido, e o sobriño de D. Fermín, o malogrado poeta Gonzalo Bouza-Brey Villar, quen sempre me comentaron e indicaron da relación de fonda amizade, afecto e respecto entre D. Fermín e D. Xosé. Cando lle comento o resultado destas miñas achegas nas Rede a Emilia Ruido, familiar de D. Fermín e ex alumna de Filgueira, quedou moi estrañada e contrariada, confirmándome que eso non podía ser. Penso que se houbera algo certo desto, as familias dos dous intelectuais e escritores galegos non terían as boas relacións que sempre tiveron.
A min tamén me parece unha barbaridade, Bouza Brey e Filgueira Valverde eran desde mozos universitarios amigos e irmáns, os dous son os principais fundadores e mantedores do Seminario de Estudos Galegos (12/10/1923). Foron amigos sempre. Logo, coincidirían a traballar no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (15/02/1944). Mantiveron eles e as súas familias sempre unhas boas relacións. Filgueira Valverde non tiña porque ter celos nin envexa do Sr. Bouza Brey, porque os dous eran grandes literatos e eruditos ademais de amigos e compañeiros en tantas experiencias e vivencias culturais e de investigacións, ambos os dous compartiron un infinito amor por Galicia e a súa cultura.
Comentándolle eses mal intencionados ataques a Filgueira, nalgunhas entradas dalgún blog, que tamén falan das pantuflas do vello profesor e director do Museo de Pontevedra, ao presidente da nosa Real Academia Galega, D. Xesús Alonso Montero, explícame que eso era imposible, que Bouza Brey e Filgueira Valverde eran dous grandes intelectuais que non necesitaban ter celos e envexa o un do outro e a inversa e que ademais mantiñan unha cordial relación de amizade e que Filgueira Valverde non foi un delator nunca, nesto coincide co que no seu día me declararon Antón Fraguas Fraguas e Francisco Fernández del Riego.
Debemos procurar unha actitude positiva e constructiva para celebrar o Día das Letras Galegas de 2015 en paz e que nos unamos todos a resaltar a inmensa e valiosa obra de Filgueira Valverde, debe ser unha festa das nosas letras e da nosa cultura. E as opinións deben basearse no rigor e na obxectividade científica, fuxindo das manifestacións e das ideas mal intencionadas, fundamentadas na xenreira e no axuste de contas, lonxe da realidade e da verdade histórica.