Ana López
Unha carta para meus pais
Atopo a meu pai sentado na mesa da cociña cuns papeis na man. ÿ algo habitual nel porque nos últimos tempos, segundo me confesou, ata lle ten axudado a algún amigo a traducir non se me ocorre mellor verbo para este feito a factura da luz ou do gas. Convertiuse nunha especie de Ocu humana para xubilados.
Cando as cousas se torcen demasiado recorre a nós, os fillos, que, sobra dicir que "con estudos e todo", non adoitamos sacalos de apuros. Non é unha cuestión de deixamento, senón de pura ignorancia ou, case mellor, impotencia.
Pero nesta ocasión hai algo no xeito en que preme o folio, con forza, que me chama a atención. Cando me ve non me dá tregua e empeza a rosmar. Collo o documento en cuestión, que resulta ser unha carta da ministra de Emprego, e todo concorda.
Un ano máis, Fátima Báñez envioulles unhas liñas aos xubilados nas que lles informa de que as súas pensións para este ano vanse incrementar nun 0,25 por cento.
O cabreo do meu pai non vén polos cartos en si, senón pola primeira frase, na que a responsable da Seguridade Social afirma que o pasado ano "foi o primeiro do crecemento de emprego dende 2008".
Supoño que si, que ten que molestar moito ler este tipo de cousas cando un sabe de novos casos de parados e doutros traballadores que as están a pasar canutas para chegar a día 31.
A min, en xeral, a carta resúltame unha tomadura de pelo bárbara, non tanto polo ton propagandístico, que é evidente, como polo feito de recoñecer abertamente que grazas aos pensionistas o sistema de benestar segue en pé. Non vexo que futuro pode ter un país que vive a costa dos seus vellos e de espremer aos seus obreiros. Paréceme moi negro o horizonte dun Estado no que as desigualdades salariais son cada vez máis obvias porque os pobres aumentan ano tras ano de xeito proporcional aos novos ricos. Da clase media, mellor nin falar.
Para os xubilados menos afortunados, o incremento do que fala Báñez non chega aos trinta céntimos, estou por apostar que por aí anda o que custou a xestión, o material e o envío de cada unha destas cartas. En 2014 o Ministerio de Empleo gastou un millón e medio de euros nesta campaña de comunicación. E eu soño co ben invertidos que estarían en hospitais ou escolas ou en evitar que centos de familias teñan que abandonar as súas vivendas en favor dun banco, por poñer un exemplo. Ou polo menos aforraríanlle o cabreo a uns cantos maiores cando baixen a abrir a caixa do correo despois do almorzo.