Antón Masa
Qué intereses defenden os clubes de vela da ría de Pontevedra?
Na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), tivemos coñecemento hai uns días de que o Grupo de Interclubes da Ría de Pontevedra, que organiza a chamada I Regata Interclubes de la Ría-Premio Deputación de Pontevedra e do que forman parte o RO YACHT CLUB de Combarro, o Real Club del Mar de Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo, a Comisión Naval de Regatas da Escuela Naval Militar de Marín e o Club Náutico de Beluso remitiu un escrito a Juan Carlos Pérez Olmedo patrón de iates facéndolle saber que non poderá participar na regata baixo o nome NO A CELULOSAS, con independencia de que a Federación de Vela lle teña permitido levar esa publicidade.
E resulta lamentábel que a empresa DESMARQUE S.L. encargada da organización técnica do evento- tente xustificar tal decisión en base ao punto 7 do Anuncio de Regata que di: Os participantes poderán exhibir publicidade de categoría C de acordo coa regulamentación 20 da ISAF, engadindo logo O Comité Organizador poderá rexeitar calquera inscrición dun barco cuxo nome e/ou publicidade vaia en contra dos intereses propios da organización e o bo nome da Regata, non admitíndose reclamacións ao respecto.
As normas da ISAF só falan de que non se permitirá a publicidade que discrimine por razón de sexo, relixión, raza,... polo que queda claro que o motivo da prohibición fai referencia única e exclusivamente ao feito de que para os organizadores- a publicidade NO A CELULOSAS vai contra os intereses da organización e o bo nome da Regata.
Quérese dicir, xa que logo, que os clubs organizadores, a empresa DESMARQUE SL ou a Deputación de Pontevedra teñen intereses nas CELULOSAS? Quizais na CELULOSA que a empresa ENCE ten en Lourizán e que desde hai máis de 50 anos vén estragando a calidade das augas da Ría que entre outras cousas- debera acadar as condicións óptimas para poder acoller un maior número de regatas coma a que hoxe nos ocupa? Sen comentarios!
Trátase dun atropelo intolerábel, antidemocrático e mesmo denunciábel pola vía xudicial, e todo indica que unha vez máis- ENCE pretende impoñer a súa lei en contra do máis elemental dereito á libre expresión, botando man para elo dos seus estómagos agradecidos.
Desde a APDR agardamos que se impoña a cordura, que desde a organización se reconsidere a decisión e que, polo ben da democracia e a liberdade de expresión, poidamos ver como a embarcación NO A CELULOSAS toma a saída na regata en Combarro o próximo sábado día 24.