Ana López
Peppa Pig non é tan boa
Marta non sabe moito de xoguetes electrónicos. A ela gústalle brincar na area da praia co seu irmán pequeno, aínda que sexa pleno inverno, e chapuzar na orela do mar. Creo que non sabería definir nin na linguaxe dos nenos o que son o frío e a humidade. Chega á casa co cabelo encaracolado e vén petar á miña porta para darme un bico que aínda sabe a sal.
Unha tarde que tiven que facer de canguro con ela cometín o grande erro de lle poñer uns vídeos da tal Peppa Pig no ordenador. O resultado non puido ser máis nefasto. A nena rematou cos ollos vermellos de tanto fixar a vista na pantalla e mexou por ela na cadeira, tal era a hipnose á que aquelas malditas viñetas en movemento a sometían. Aquel día xureime traer algúns puzzles que aínda conservamos na casa da miña nai para que algo así non volvese ocorrer. Non sería eu quen iniciase á pequecha nun vicio que ela por iniciativa propia nunca pedira.
Estes días vin máis dunha tarde a unha nena da idade de Marta co seu pai na exposición de xoguetes populares da Biblioteca Pública de Pontevedra. En realidade, vin a moitos, pero esta chamoume especialmente a atención pola paixón que poñía por entender as regras de cada un dos xogos, sobre todo o da zoca e o da leiteira e o caldeiro. Lembroume moito á miña pequena veciña cando entra coma unha centella no meu salón coa única intención de ordear concienciudamente os pousavasos; primeiro o alaranxado, despois o azul, por último o verde
Falando coas bibliotecarias souben que a mostra recibira nos últimos días numerosas visitas de grupos adultos incluidos, e que está a ter moito éxito entre o público infantil, que muda gustoso por unhas horas as consolas polas gárgolas, a buxaina, os zancos... E hoxe, cando lin nun xornal dixital que, ao final, segundo os fabricantes de xoguetes, o que máis se vende son os clásicos bicicletas, bonecas, xogos de mesa pensei que este Nadal aínda non estaba todo perdido.