Ana López
Dicíalle "puta"
Non hai moito coincidía na comisaría de Policía de Pontevedra cunha muller que, coma min, estaba a poñer unha denuncia. Os nosos casos eran tan diferentes que aquel furto tan terrible que me levara os días da vida quedou totalmente ridiculizado ante a gravidade da súa situación: era unha vítima de maltrato, como así o amosaba a súa mirada, tan apagada como anguriosa.
A piques de rematar 2014 xa temos unha cifra máis que engadir ao noso glorioso anuario nacional: o medio cento de mulleres mortas por violencia de xénero ou machista ás veces mal chamada violencia doméstica, porque as semanas negras como a que queda atrás sucédense sen tregua.
As rúas, os medios de comunicación e os escaparates dos comercios están cheos de reclamos que procuran a atención da sociedade sobre unha cuestión que lonxe de diminuir aumenta ou se mantén. O publicista Ismael Calvo aporta unha campaña ao Concello de Pontevedra con impactantes palabras que espertan ás prazas e glorietas da cidade; o presentador Xosé Ramón Gayoso presta a súa imaxe en centos de carteis espallados polos establecementos dos concellos galegos, e unha rapaza arrepiada protagoniza un anuncio televisivo que supón a incorporación do público adolescente a unha cruzada que traspasa xeracións.
Os expertos e o sentido común din que a clave está en saber apreciar os detalles dende o principio; en interpretar o significado desas frases lanzadas como aguillóns que pouco a pouco van espallando o seu veleno pola autoestima feminina. Que evitando poñer a venda nos ollos se evitan futuras agresións. Son palabras maiores.
Nunha busca desesperada de culpables acúsase aos gobernos de non atallar o problema, ás forzas de seguridade de non estaren atentas, ás amizades de non dar a voz de alarma e ás propias mulleres de non se manteren firmes. Mais os verdugos seguen aí, e non son outros que os que no seu momento collen unha arma ou as súas propias mans para materializar o máis desprezable dos actos: un ataque certeiro aos dereitos humanos.
E mentres a base da educación nas familias non muda e polo tanto non se erradica a lacra, outra muller de ollos tristes e medoñentos respirará fondo para armarse de valor e saír un día da casa na procura de axuda e sentar fronte a un descoñecido nunha fría oficina de comisaría de Policía, onde deixará só unha parte desa carga que lle asolaga as costas.