Manuel Pérez Lourido
Chévere, Chévere
O pasado 26 de Novembro Galicia enteira botouse a rúa para celebrar un fito histórico. Algo que non acontecera nunca antes. A ledicia desbordou as máis importantes vilas galegas onde se celebrou ata ben entrada a noite o feliz suceso: a compañía de teatro Chévere viña de recibir o Premio Nacional de Teatro.
Vale, isto non pasou aquí, aquí non pasan estas cousas. Agás se a selección española gaña o mundial de fútbol. En fin, cadaquén celebra o que lle peta. A cultura non se impón, existe. Estas cousa sonche como os pementos de Padrón: a uns lles gustan e a outros non. Imos brindar con cava aquí por medio deste artigo.
Cando lle chegou a noticia o primeiro que fixo Chévere foi agruparse: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés e Xesús Ron xuntáronse para ver como afrontaban o asunto e para redactar e emitir un comunicado.
Chévere leva 27 anos pintando a mona. Unha mona con pintas que se concibe de forma colectiva, reivindicativa, vangardista e galega.
Desde o Río Bravo dos comezos ata as Ultranoites, que comezaron na Nasa e se fixeron espectáculo itinerante, mesturándose os espectáculos propios cos de artistas das localidades que visitaban.
Do 92 ao 2011 Chévere tivo a súa sé na Nave de servizos artísticos, a sala Nasa en Santiago de Compostela. Nas súas Ultranoites participou xente coma Luis Tosar, Mofa e Befa, María Pujalte, Quico Cadaval e o mesmo Vidal Bolaño.
A Chévere botounos Conde Roa da Nasa; despois a el botouno do concello unha condena por fraude fiscal. Isto podería ser unha nota anecdótica pero é máis ben algo que reflicte o mal que entenden algúns politiqueiros a opinión libre e a crítica.
Nos últimos tempos estes titiriteros acústicos pasaron ao rock and roll, coma quen di, meténdose no sector audiovisual con producións como Amores Prohibidos 2.0, unha obra interactiva que usaba coma escena as redes sociais. O grupo tamén levou adiante proxectos para televisión como "Pepe o inglés" e o filme "Crebisnsky".
Sobrevivente a 27 anos de reinvención continua, de crise larvada e crise galopante, de atrancos e de andar de arriba para abaixo, as veces aos artistas lles chega o seu san Martiño, pero ao revés. Neste caso cando chegaron os santos Máximo, Primitivo e Facundo do día venres 26 tamén chegaron os 30.000 euros libres de impostos do premio. E a inxección de moral que representa o recoñecemento.
Os de Chévere ("bo", "gracioso", "bonito" en países de Sudamérica) din na súa web, bos e xenerosos, que este é un premio para todas as artes escénicas de Galicia. Amén.
Máis información en :