Ramiro Espiño
A flor de Luisito
A expresión "ter ou nacer cunha flor no cu" refírese a aquelas persoas ás que consideramos afortunadas, que teñen sorte. O expoñente máis claro, xa que falamos de deporte e de fútbol concretamente, é a figura de Vicente del Bosque, do que os seus detractores se "jartaron" de dicir que era "un home bo cunha inmensa flor no cu", quizais co malévolo obxectivo de restarlle méritos ao Marqués que nos fixo campións do mundo por primeira e única vez na historia, de negarlle o pan e o sal, imos.
O domingo o Pontevedra, salvando sempre as distancias, estreaba inquilino no banco. Nin era Vicente del Bosque, nin herdaba de Luis un superequipo. Era un home de Teo, sen máis mérito (que non é pouco) que o seu traballo anterior en circunstancias non sempre doadas e o seu coñecemento das catacumbas do fútbol. Chegado para apagar un lume que comezaba a ameazar con deixar a casa granate convertida nun ermo (máis aínda do que xa o está).
Luisito aterrou despois dun suposto casting no que foi o elixido, deixando atrás nomes ilustres, entre eles, din os máis próximos achegados ao actual consello (entre os que non me conto), o dun galego tan polémico como carismático, un tal David Vidal, ao que, afortunadamente don diñeiro afastou do banco granate.
E non o digo porque o de Portosín non estea capacitado para dirixir ao equipo, senón polo seu penso que nulo coñecemento do equipo e dos rivais. Iso si, o suposto cachet de David Vidal era como para botarse a tremer tendo en conta as arañeiras que poboan as arcas pontevedresas. Rumoréase que nada menos que 5.000 euriños de nada ao mes (40.000 da á ata xuño), máis outros 30.000 en caso de ascenso. Total nada, "calderilla".
Afortunadamente reinou a sensatez. Por unha vez apostouse polo lóxico, deixando as pretensións de grandeza, focos e faránduleo. E veu Luisito. O que ninguén sabia era que chegase cunha flor no cu.
O mesmo técnico estivo "toureiro" na súa primeira rolda de prensa tras gañar ao Boiro, de carambola, rebote, gol en propia porta e no último minuto do desconto (só faltou o do penalti inxusto para que a frase feita de tantas tardes de fútbol quedase redonda). Luisito tiraba de humor dicindo: "ÿ a primeira vez que ficho nun equipo e sen xogar un partido a metade de semana adiantei un posto ao sacarlle os puntos ao Sanxenxo. De oitavos pasamos a sétimos e agora gañamos un partido e somos quintos".
Pois iso, a flor. E que sexa o xardín enteiro, aínda que quizais máis que confiar nese xardín haxa que apelar ao traballo. Ao traballo e a que os que confeccionaron o equipo abran os ollos e se decaten dos erros cometidos, facendo un equipo claramente descompensado, con postos duplicados e outros nos que máis que lagoas hai verdadeiros océanos de auga, como son as bandas (ataque e defensa) e o mediocampo, carente dun xogador creativo que manexe os tempos do partido.
Pode, é máis, estou seguro, que co que hai será suficiente para levarse a liga regular, pero que ninguén esqueza que o obxectivo deste equipo non é só o campionato senón o ascenso, e para iso hai que salvar un play-off no que o oficio é absolutamente fundamental, recordan o Puertollano? Pois iso, quizais buscar o que non temos non sería mala idea, se a economía o permite, que esa é outra da que ninguén sabe nada, como case sempre.
Mentres, que siga a flor, de Luisito ou de quen sexa. A ver se con ela nos levamos unha alegría, que bastante necesitados delas estamos por estes pagamentos.
Un último apuntamento para resaltar tamén unhas palabras do novo técnico, que dixo: "O único que pido, de corazón, é que para poder levantar este equipo temos que estar todos unidos". ÿ a primeira vez en moito tempo que alguén dende dentro apela á unidade. Que o faga un recén chegado debería facelo saltar as cores aos que seguen sen ter a humildade de recordar que foi precisamente esa unidade quen conseguiu hai uns dez anos, que a familia granate fora iso: FAMILIA, e vivise un marabilloso sono deportivo.
E para iso non fai falta unha flor, senón unicamente antepoñer o ben do Pontevedra ao persoal de cada un.