Andaríns do Val do Lérez
Merlo rieiro. Cinclus cinclus. Mirlo acuático
Merlo rieiro
Cinclus cinclus
Mirlo acuático
Descrición: Esta ave de mediano tamaño, coa cola curta e as ás mais ben pequenas, posúe un corpo repoludo e compacto que lle outorga un aspecto característico. Na súa plumaxe dominan os tons pardos moi escuros, case negros no dorso, que dan paso a outros de cor chocolate na cabeza, o pescozo e o ventre. Loce un rechamante babeiro branco que se estende ata o peito. As patas son curtas e robustas e o pico é fino en forma de daga.
Este merlo ten unha lonxitude de (17-20 cm) e unha envergadura de (25-30 cm).
De carácter nervioso, esta ave voa rapidamente sobre a superficie da auga e móvese con soltura entre as pedras do río antes de lanzarse a mergullarse. Cando está pousada adoita mostrarse inqueda, levantando a cola e realizando continuas flexións coas patas.
Hábitat: A especie restrínxese a cursos de auga pouco alterados, así como de profundidade escasa, que permita o afloramento de pedras no curso do río cunha boa calidade da auga que posibilite a presenza de ricas poboacións de invertebrados acuáticos.
O entorno debe ser o máis natural posible, aínda que pode soportar unha presenza moderada de transeúntes e actividades humanas.
Alimentación: ÿ un especialista no consumo de invertebrados acuáticos, particularmente larvas de efémeras, moscas das pedras, libélulas e escaravellos acuáticos, aínda que tamén inxire outros insectos, moluscos e pequenos crustáceos.
Para capturar o seu alimento, busca de forma moi activa, ben mergullándose por completo ou ben sen mergullarse completamente baixo as pedras e entre as algas. Realiza frecuentes e continuas inmersións de poucos segundos, entre 5 e 10 por minuto.
Niño: Os dous membros da parella entréganse á construción dun niño esférico ben rematado, realizado a base de brións e herba, que ocultan aproveitando ocos e fisuras entre as rochas ou baixo troncos e pontes, polas marxes do río. Tamén aceptan sen dificultade as caixas niño para reproducirse. Habitualmente pode existir unha segunda posta.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.