Manuel Pérez Lourido
Ansia de fanecas
Non estamos a falar do peixe faneca que atopamos no prato, abondoso en espiñas pero saboroso de gusto. Ese peixe de carne branca que tan ben senta cunhas pataquiñas e un chisco de aceite. Non.
Falamos da faneca cabrona que nos espera á beira do mar. Falamos do trisopterus lucus da familia Gadidae e que, dende os seus 10 a 15 cm. de lonxitude, agochado baixo a area, está agardando a que lle poñamos un pe enriba para nos inxectar un veleno que nos traerá a Orion, Aldebarán e Adrómena diante dos olliños. Se lle botamos amoníaco (quen é o que marcha para a praia sen levar o bote do amoníaco, por favor?) ou un pouco de ouriños (disto mellor non digo nada) sentiremos un tanto de alivio.
Un dato, evidente pero dato: a faneca do prato tamén se chama trisopterus lucus. Cadaquén que tire as súas conclusións.
Pero seguimos coa faneca cabrona, que alguén dirá que non ten culpa de que a pisemos, pero se non a ves xa me dirás como a evitas. Aquí pode intervir o gremio de fabricantes de fanequeras, esas sandalias que no seu tempo non tiñamos reparo en calzar, sobre todo coa marea baixa que é cando as fanecas parecer saír de manifestación. Pero a estas alturas, cando está claro que imos á praia para presumir. Non sei de que, pero para presumir: que na praia xa se pasa máis tempo paseando pola beiriña que tirados ao sol. Isto é un enigma máis da existencia humana: se vas a praia a presumir de moreno, de que presumías mentres collías o moreno?.
Total, que esa faneca brava que en outras zonas, como Escarapote e bisbarra, chaman así (escarapote, non bisbarra) un día chega á túa vida e dáche un bico nos beizos (é metáfora) e nunca máis volves a entrar na auga de igual xeito. Xa entrabas a modiño, por ser auga do atlántico e iso, pero agora comezas a entrar de medio lado, como se así evitaras algo. Chámase reflexo condicionado (porque a min me da a gaña).
Neses momentos de felicidade que se poden vivir na praia só polo feito de gozar dun tempo de ocio na Natureza, rodeado de xente que fai o ridículo medio en bolas igual ca ti, sexa cal sexa a súa condición social ou marca de automóbil, estatura, peso ou lonxitude capilar, esa ledicia pódese ver estragada de todo pola picadura dunha faneca. Ou por pisar unha faneca, véndoo dende o punto de vista do animal.
Porén, chegará o día e a hora, que mesmo pode ser un destes que estamos a vivir, na que botemos de menos ás perigosas fanecas. Un día no que o sol sorrí para os que están a comezar as súas vacacións mentres que a outros o único que lle trae é a saudade, que lle proe coma una vigorosa agresión de faneca, da que non lle importaría seren vítimas con tal prolongar o tempo de ocio.