Ramiro Espiño
Javi Gómez Noya, supercampión mundial sen que a Xunta se decate
Chámase Javi Gómez Noya, e é un excepcional campión. Posiblemente o mellor deportista galego de todos os tempos (con permiso de David Cal). O seu palmarés convérteo xa nunha lenda, mentres el ameaza con seguir ampliándoo, ata cando? De momento son 9 medallas en campionatos mundiais de Triatlón entre 2007 e 2014, sempre sen baixar do podio, e 5 medallas máis os europeos.
Catro veces campión do Mundo, que se di pronto. Medalla de prata olímpica en Londres. Medalla de prata e medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo, finalista ao Premio Príncipe de Asturias dos Deportes. E unha morea de campionatos nacionais, europeos e mundiais nun historial deportivo incrible, no que tivo que loitar mesmo contra o seu propio corazón, quizais porque ese corazón non lle cabía xa no peito dende o principio, de grande que o ten.
Porque Javi, fillo de emigrantes galegos, nacido circunstancialmente na cidade suíza de Basilea, criado en Ferrol e afincado dende hai anos en Pontevedra, onde vive e adestra, é un tipo humilde na súa inmensa grandeza, sempre disposto a axudar a aquel que llo solicita, especialmente se esa solicitude vén dalgunha actividade relacionada cos máis pequenos, que o miran con olliños de admiración.
Cando as súas viaxes por todo o mundo llo permiten, non é raro encontrarse a Javi paseando por calquera rúa pontevedresa. Con sinxeleza. Case escondendo a mirada timidamente. Saudando a todo o mundo ou parándose con calquera que lle reclama unha fotografía. ÿ un campión ata niso, na naturalidade coa que o vive e acepta. Sen que se lle subise á cabeza.
Coñecín a Javi persoalmente no 2009. Por aquel entón xa comezara a forxar a súa lenda. Foi en Holten, en Holanda. Acudiramos cunha delegación pontevedresa, coa alcaldesa en funcións, Teresa Casal, e a concelleira de deportes daquel momento, Anxos Riveiro, para cubrir informativamente a candidatura á organización do campionato de Europa do 2011.
Pontevedra conseguiría o seu obxectivo e Javi tamén. Non só gañou e proclamouse campión de Europa, senón que foi o noso mellor embaixador. Pero o mellor foi esa a súa forma de ser. Atendendo a todo o mundo que llo requiría (e eran moitos e de todas as nacionalidades), pero moi especialmente aos pontevedreses que alí nos encontrabamos, sempre baixo a atenta mirada do seu entón adestrador, Omar González, un tipo clave na súa traxectoria, e penso que tamén no seu día a día.
E así segue. Ano a ano, día a día. Non pretendo descubrir nada novo, unicamente render homenaxe de admiración a un dos máis grandes atletas españois. Grande en competición e máis grande aínda na súa forma de ser.
Por iso indígname especialmente dúas cousas: unha delas a escasa repercusión (tendo en conta a magnitude da fazaña rubricada o domingo en Edmonton) que o seu cuarto mundial tivo en moitos medios de comunicación españois e mesmo galegos (alguén pode imaxinarse a cantidade de ríos de tinta que correrían se é a selección de fútbol a que logra non un cuarto título mundial, senón o segundo), e a outra é ver o seu maillot de carreira no que non figuraba a palabra Galicia, non, o que aparecía é "Región de Murcia".
Si "Región de Murcia", como noutras ocasións foi "Extremadura", pero por máis que busquei en centos de fotos, non logrei encontrar nunca nese maillot a palabra "Galicia". E non é culpa de Javi, non, en absoluto. Habería que mirar cara a unha Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta que nin soubo apoiar ao campión, nin tampouco aproveitar a oportunidade única que lle brindaba que un dos nosos levase a imaxe do noso País por todo o mundo. Iso si, que a ninguén lle estrañe que en calquera momento se apunten para "saír na foto", que é para o que valen algúns.
Por bastante menos que isto, a Lete Lasa, aos seus asesores, ou a ambos os dous, habería que mandalos a galeras. Aínda que logo intenten maquillalo, o "gambazo" é de tal magnitude que non admite desculpa.
Parabén, Javi!, CAMPIÿN, con maiúsculas, a pesar dos incompetentes que rexen o deporte galego e a imaxe do noso propio país.