Andaríns do Val do Lérez
Andoriña de cu branco
Delichon urbicum
Avión común
Descrición: Pequena andoriña de aspecto compacto, lonxitude de (14cm), envergadura de (28cm), negro azulada brillante por arriba e branca por abaixo. Posúe ás longas e apuntadas, cola curta e gallada de cor negra; pico curto, plano e negro; boca moi ancha, e patas curtas cubertas de finas plumas brancas.
Este paxaro adoita observarse en voo e agrupado. O seu voo é rápido e áxil, aínda que menos co da andoriña común, e a miúdo voa a maior altura que esta. Póusase con frecuencia, ás veces no chan.
Alimentación: A súa dieta está baseada por insectos voadores de pequeno tamaño. As presas máis consumidas son moscas , mosquitos e pulgón. A técnica de captura consiste en voos acrobáticos de persecución en grupo, os cales se producen a unha altura intermedia entre a utilizada pola andoriña común (zona baixa) e os Cirrios (zona alta). Normalmente non caza a máis de dous quilómetros do niño.
Especie migradora e estival. En inverno, as aves desprázanse ao golfo de Guinea, no oeste de África, regresando despois a partir de febreiro.
Niño: A súa especialización no medio aéreo fai que este paxaro sexa moi independente do hábitat, agás para instalar o niño. Faino en pobos, presas, pontes, coa maioría das colonias situadas en vivendas, habitando con éxito mesmo nas grandes cidades. Constrúe colonias de niños pegados aos edificios. Nalgúns lugares segue criando no seu hábitat orixinal, nos rochedos. Adoita durmir no niño, ás veces de modo comunal, e pode pasar a noite en voo.
Ameazas: Aínda que non é unha especie ameazada si se esta a notar unha diminución de parellas entre nós. Non sofre ameazas de importancia. Entre os posibles problemas citase o uso indiscriminado de plaguicidas, a eliminación deliberada de niños coa escusa de que ensucian edificios, a contaminación atmosférica urbana, así como a dificultade para nidificar en cidades polas novas técnicas de construción e a escaseza de lugares húmidos e charcas onde encontrar barro para o niño. No Catálogo Nacional de Especies Ameazadas aparece como "De especial interés".
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.