Xermán Torres
Homes máquina con corazóns de máquinas (en homenaxe a Ana María Matute)
Non son bos tempos para as ensinanzas artísticas, en realidade; non son bos tempos para o ensino en xeral.
Agora ou sempre, ou máis agora que sempre o que importa son os cartos o ben repleta que teñas a tarxeta de crédito, "tanto tes, tanto vales". E esto engádese aos asuntos do ensino e da educación. Pénsase o ensino con meras intencións economicistas, mercantilistas; pouco importan as persoas, todo está deseñado en función das elites dirixentes.
Pouco importan a igualdade e a colaboración. Todo é competición, a dictadura dos mellores, dos competentes, non importa que moitos queden ás beiras dos camiños, marxinados.
Non importa pensar (Filosofía), saber quen somos, de onde vimos e a onde nos diriximos (Historia, Linguas Clásicas), e moito menos crear, investigar, innovar (Artes Plásticas, Música, Ciencia). Canto menos humanos mellor, xa non hai estudiantes nin traballadores; agora hai escravos (adeus sociedade do benestar!). Contan os beneficios, os resultados, a eficiencia, a optimización, as avaliacións externas (lémbralles esto a algo?).
"Poderoso caballero es don dinero". Imos camiño ou estamos xa nunha sociedade onde uns pouquiños vivirán a corpo de rei e o resto sometidos e caladiños, senón máis recortes, máis crise. Eso si, non faltarán fútbol ata na sopa e tv lixo a esgalla.
Réquiem pola Música, pola Literatura, pola Ciencia... Compre facer algo?
Un neno, unha nena deben manipular, correr, saltar, xogar, cantar, ler e escribir, debuxar, pintar, ser curiosos, gozar da presencia dos iguais, dos contactos coa Natureza. Ser simplemente nenos, deixemos que os nenos sexan eso, nenos. Non lle roubemos a nenez á infancia.