O ano do eterno anticiclón
Por Oskar Viéitez
A previsión do tempo foi este ano máis aburrida que de costume. Sempre soles, eterno anticiclón sobre o país dos mil ríos. Os rexistros de Meteogalicia sinalan que o pasado mes de setembro foi o máis seco do século e outubro despediuse como o máis cálido en 36 anos.
Tamén marcaron records negativos os encoros e canles fluviais con niveis ata agora descoñecidos. Ante estas circunstancias a Xunta terminou declarando a situación de seca, pero é que estabamos en prealerta desde xaneiro.
Con todo, Augas de Galicia, demostrou con esta crise carecer de recursos para enfrontarse ao cambio climático, a única solución proposta foi moderación, aforro e cruzar os dedos para que chova, "estamos ante o nunca visto", afirmou o seu director Roberto Rodríguez.
"Non esperes a ver guepardos para pechar a billa", dicía a campaña institucional. Sentidiño coa auga.
Os pozos secaron, os mananciais deixaron de nutrir as fontes, as traídas veciñais xa non botaban pinga, os concellos empezaron a aplicar cortes priorizando o consumo humano aos usos industriais, así en Pontevedra reduciuse o caudal de auga da captación de Ence.
Despois da industria, o plan da Xunta marcaba como orde de prioridades a acuicultura e os aproveitamentos hidráulicos, seguidos da gandería e a industria alimentaria, logo tocaríase o caudal ecolóxico dos ríos e, finalmente, procederíase a cortes na subministración humana.
Moi preto deste último escenario situouse a cidade de Vigo e os seus once municipios limítrofes. Os encoros de Eiras e Zamáns, dos que se nutren fundamentalmente, situáronse en niveis críticos. Ante a inminente emerxencia xurdiron algunhas ideas como contratar barcos cisterna, construír unha planta potabilizadora ou transvasar auga do río Verdugo, en Ponte Caldelas. Esta última iniciativa segue adiante.
Trátase dun proxecto consensuado entre Augas de Galicia e os concellos que dependen da subministración de Eiras. Unha obra que custará 5,5 millóns de euros dos que a Xunta achegará un 20 por cento do orzamento. Un "espolio" segundo consideran os concellos de Ponte Caldelas, Pontevedra e Soutomaior que xa iniciaron unha ofensiva en varias frontes, social, xudicial e política.
As borrascas Ana e Bruno rebaixaron a gravidade da situación pero non a resolveron. O cambio climático veu para quedar.