Río 2016 e as esperanzas rotas de Gómez Noya
Por Diego Espiño
O ano 2016 estivo marcado no deportivo por unha cita, os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro, que supuxeron un impulso e un obxectivo cumprido para algúns deportistas e unha decepción para outros.
Neste aspecto, a imaxe que quedou gravada na mente de todos non é dunha medalla, senón da fatalidade que apartou a Javi Gómez Noya duns Xogos nos que era claro aspirante ao ouro.
Unha inoportuna caída de bicicleta, cando adestraba en Lugo, produciulle ao pentacampión mundial unha rotura con desprazamento do radio do seu brazo esquerdo a menos dun mes da cita olímpica e enterrou meses de traballo enfocados a ese obxectivo.
"Puede que sea el momento más duro de mi vida deportiva", recoñeceu entón Gómez Noya, que recibiu unha avalancha de mensaxes de apoio de todo o mundo do deporte.
Como contrapunto, 2016 tamén será lembrado para el e para o tríatlon nacional como o ano no que recibiu un dos máximos galardóns posibles, o Premio Princesa de Asturias.
TÁMARA ECHEGOYEN, A UN PASO DA MEDALLA
A gran protagonista pontevedresa en Río de Janeiro foi Támara Echegoyen, que buscaba a súa segunda medalla olímpica e a punto estivo de conseguila na clase 49er FX de vela.
Echegoyen e a súa compañeira Berta Betanzos chegaron como líderes á definitiva Medal Race, con catro embarcacións en só un punto de distancia, pero no día sinalado a moeda saíu cruz. Non foi o seu día e tiveron que conformarse cun diploma olímpico e a cuarta posición, aínda que coa satisfacción de ter feito "todo lo que pudimos", sinalou tras a competición.
Tamén volveu de Brasil con diplona olímpico a canguesa Teresa Portela en piragüismo, ao ser sexta no K-1 200 metros na que era a súa quinta participación nuns Xogos.
Pola súa banda o resto da representación pontevedresa estivo lonxe dos postos de privilexio, aínda que para algúns como o atleta marinense Jean Marie Okutu, que se clasificou o último día de prazo cun marca de 8,17 metros en salto de lonxitude, chegar á Olimpíada era xa todo un premio. Por iso non importou que non lograse pasar á final, como tampouco o fixo o hispano-cubano Frank Casañas no lanzamento de disco ou o regatista Fernando Echávarri no Nacra 17 de vela.
Tampouco tivo fortuna, aínda que as súas expectativas eran elevadas, Juan Antonio Saavedra nos Xogos Paralímpicos. Aspiraba a repetir medalla, como o Londres, 2012, pero estivo lonxe dos seus mellores rexistros no tiro olímpico e non logrou clasificarse para a final nas dúas categorías nas que competía.
Relacionadas:
-
Javier Gómez Noya recibe en Oviedo o Premio Princesa de Asturias dos Deportes
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen: "Dimos todo lo que pudimos y me voy a casa contenta"
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen queda sen medalla
Por Redacción |
-
Gómez Noya rompe un brazo adestrando e pérdese os Xogos Olímpicos
Por Redacción | Creada e actualizada