O BNG reclama que a xestión da AP-9 dependa de Galicia para acabar coa súa "estafa"
Por Redacción
Para o BNG, é unha "estafa" que os galegos paguen as peaxes máis caras do estado español e, nomeadamente, refírense á autoestrada AP-9 cuxa xestión reclaman que sexa transferida a Galicia. Así o volveu a reivindicar o seu candidato por Pontevedra, Luis Bará, nun mitin celebrado este xoves na Casa da Cultura de Moraña.
Bará cualificou de "estafa legalizada" as peaxes da AP-9 e defendeu a necesidade de tomar medidas para camiñar cara a unha progresiva gratuidade a curto prazo, xa que a autoestrada está amplamente amortizada.
"É unha estafa que viaxar entre Tui e Ferrol percorrendo 200 quilómetros sexa o dobre de caro que viaxar os 600 quilómetros que separan Vigo de Madrid", alegou.
Así mesmo, o cabeza de lista por Pontevedra destacou que é un "despropósito político" que nun país con salarios e pensións moi por debaixo da media "teñamos que pagar as peaxes máis caras do Estado" pola decisión do PP de aprobar a prórroga á concesionaria.
O nacionalista defendeu que o novo goberno galego co BNG á fronte debe abrir "un tempo novo" para as infraestruturas na rede viaria galega dando prioridade á conservación e a mellora da seguranza viaria en lugar de apostar pola "cultura do asfalto e de construír estradas e máis estradas de grande capacidade moi custosas".
Ao seu entender esta liña seguida polo Partido Popular nos últimos anos tivo consecuencias nefastas en canto a número de accidentes e vítimas por supoñer un "culto ao automóbil e á velocidade".
Bará lembrou que a 'cultura do asfalto' puido ser necesaria no momento en que as vías de comunicación galegas estaban nunha situación realmente precaria, mais destacou que a día de hoxe só se debe construír unha nova grande infraestrutura cando estea moi xustificado. "É preciso inverter as prioridades, que a seguranza viaria e a adaptación das vías respondas ás necesidades reais e á diversidade de Galiza".
Por esta cuestión, Bará avogou por elaborar un Plan Nacional de Transportes e Infraestruturas que atenda a criterios de racionalidade, sustentabilidade e eficacia e que teña como criterio a prioridade para conservación e a mellora da seguranza viaria, potenciando as mobilidades peonís e ciclistas.
Relacionadas:
-
Pontón reivindica Pontevedra como exemplo de como o BNG pode ser "chave" para derrotar o PP
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ana Pontón reclama "xulgados específicos" para atender ás vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
O Galtrén, aposta do BNG por un tren de proximidades "real" en Galicia
Por Redacción |
-
O BNG busca unha cultura "viva e participativa" para deixar atrás a "invernía" actual
Por Redacción |
-
Luis Bará: "É preciso facer desaparecer da ría a peste de ENCE"
Por Redacción |
-
Bará pide o voto para o BNG para que a Xunta deixe de ser "a delegación do goberno de Madrid"
Por Redacción |