Luis Villares 'varre' a Rajoy e a Feijóo nunha performance electoral
Por Redacción & Cristina Saiz
"O xuíz incorrompible contra un goberno indecente". É o resumo que fan desde Marea Pontevedra do acto electoral deste sábado da candidatura de En Marea na Glorieta de Compostela da cidade do Lérez. Os integrantes da lista para as próximas eleccións autonómicas do 25 de setembro, acompañados por simpatizantes e membros do partido instrumental, escenificaron unha performance.
A acción de rúa citou en Pontevedra ao candidato de En Marea ás autonómicas, o ex maxistrado Luís Villares; e os presidentes do Goberno de España e da Xunta de Galicia e líderes do PP, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo. Pero tan só de forma figurada, representábanos membros de Marea Pontevedra e candidatos con caretas de cartón e traxes.
A performance pretendía representar a forma en que as políticas do Partido Popular tanto na Xunta como no Estado serán varridas pola xustiza, representada en Luís Villares, tras o 25 de setembro.
Para conseguilo, pediron aos pontevedreses que voten por En Marea, que na súa lema electoral promete "un país xusto".