Lores, quinto mandato como alcalde en Pontevedra
Por Redacción
Se a nivel político hai un protagonista do 2015, ese é Miguel Anxo Fernández Lores. Nas eleccións municipais de maio demostrou que, actualmente, non ten rival nas urnas. Cun 43,08% dos votos e doce concelleiros -o mellor resultado histórico do BNG na cidade-, quedaba ás portas da maioría absoluta. Foi un fito cualificado como "espectacular" polo alcalde a mesma noite do 24-M.
A partir de aí, Fernández Lores iniciou o seu quinto mandato consecutivo -facilitado pola abstención dos seus rivais na sesión de investidura-, unha nova etapa na corporación que xunto a Partido Popular e PSdeG-PSOE deu entrada a dúas novas forzas políticas, Marea Pontevedra e Ciudadanos. Un inédito panorama político que axitou a vida municipal, como se viu na polémica aprobación dos orzamentos.
Pero tamén outros asuntos marcaron este inicio de mandato, como o proxecto de planta de compost da Canicouva, a prórroga solicitada por ENCE para continuar en Lourizán -que provocou a reacción dos seus detractores e as continuas mobilizacións dos traballadores-, ou as intervencións realizadas por axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira en relación coas operacións Patos e Pokemon, en Concello e Deputación.
Foi un ano de cambios, en xeral, en gran parte da comarca de Pontevedra. Tan só María Ramallo en Marín, Luciano Sobral en Poio e Jorge Canda na Lama sobreviviron ao 'tsunami' das eleccións municipais. Tamén se mantiveron nos seus cargos José Luis Poceiro en Vilaboa, Juan Manuel Rey en Caldas de Reis ou Félix Juncal en Bueu.
Así, un cuadripartito liderado por Gonzalo Pita (SAL) desbancou ao PP da alcaldía de Sanxenxo e pechou as portas ao regreso de Telmo Martín; Barro elixiu por primeira vez na súa historia a un alcalde do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes; e en Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez deixou o seu cargo ao socialista Andrés Díaz, tras un acordo a tres bandas.
Houbo substitución tamén en Vilagarcía, O Grove e Cuntis, que volveron a mans do PSOE con Alberto Varela, José Antonio Cacabelos e Manuel Campos, respectivamente.
Relacionadas:
-
Lores fai balance do primeiro ano de mandato: "o comportamento da oposición é decepcionante"
Por Natalia Puga |
-
María Ramallo asume o bastón de mando de Marín prometendo "traballo, moito traballo"
Por Redacción |
-
Nito Sobral reelixido alcalde de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Pita, elixido alcalde de Sanxenxo entre vítores e aplausos
Por Oskar Viéitez |
-
Pleno 'histórico' en Barro: Abraldes (BNG), novo alcalde tras 32 anos de goberno do popular Landín Eirín
Por Alejandro Espiño |
-
Lores celebra uns "espectaculares" resultados en Pontevedra: "Nunca gañamos con tanta diferenza e claridade"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |