Galiza Nova reparte preservativos para "convidar a mocidade a protexerse co voto"
Por Redacción
"Para todo hai unha 1ª vez". É o lema da campaña que emprendeu Galiza Nova na recta final da campaña electoral para pedir o voto para o BNG para aqueles mozos que este 24 de maio votarán por primeira vez. Están a percorrer os distintos concellos repartindo un díptico que, no seu interior, contén un preservativo.
O responsable de organización de Galiza Nova e número 12 da candidatura nacionalista en Pontevedra, Alberto Oubiña, explicou que con esta campaña "queremos convidar a mocidade que votará por primeira a vez a protexerse co voto e apoiar ao BNG Asembleas Abertas para crear concellos para a mocidade".
Os mozos do BNG piden aos votantes primeirizos que voten para "protexerse das políticas do PP e dos partidos de obediencia a Madrid". Segundo Alberto Oubiña, "nada lles importan aos partidos españois as problemáticas da mocidade galega e do noso país, porque son obedientes ao que desde alí ordenan".
O díptico ten a intencionalidade de animar a xuventude a rebelarse co seu apoio ao BNG nas eleccións do vindeiro domingo. Con esta campaña queren chegar á xente moza que foxe dos estereotipos da política e facerlle ver que o feito de ir votar "condiciona o futuro de temas de especial incidencia nas nosas vidas".
Relacionadas:
-
Lores avanza a promotores culturais que impulsarán a Pontevedra como "centro do deseño e a creatividade"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores presenta as noventa medidas que porá en marcha durante os primeiros 100 días de goberno
Por Alejandro Espiño |
-
Amordazados contra a Lei Mordaza
Por Redacción |