Difícil papeleta para o Teucro ante o Calmec Barakaldo
Por Diego Espiño
O Teucro necesita sumar dous importantes puntos ante a visita do Calmec Barakaldo (Sábado, 20:00 horas no Pavillón Municipal) que lle permitan escapar dos postos baixos da clasificación.
O equipo vasco tan só conta cun punto máis que os pontevedreses, polo que o duelo se presenta de vital importancia para os homes dirixidos por Javier Barrios. O técnico teucrista terá que sortear os diferentes problemas físicos de boa parte do plantel e que limitaron moito a preparación durante toda a semana.
Un dos xogadores que se adestrou a menor ritmo estes días foi Francesc Asensio "Siscu". O lateral esquerdo sufriu unha picada no abdutor no quecemento de Pozoblanco que segue dándolle problemas, "yo quiero llegar pero no sé si arriegar. Me molesta bastante al moverme por la pista y sobre todo al fintar".
Siscu confía en recuperar a intensidade defensiva como primeiro paso para dobregar ao Barakaldo, "la rotación puede ser corta pero tenemos que darlo todo y lucharlo aunque seamos ocho o nueve jugadores, si defendemos bien tenemos medio partido ganado. Hay que empezar a sumar porque después va a ser más difícil escalar posiciones".
A expedición do Calmec chegará a Pontevedra con dúas baixas importantes na súa primeira liña. Unha é segura, a do lateral esquerdo Oier García, e a outra, a do adestrador-xogador dos vascos, Jaito Rodríguez, non se confirmará ata última hora despois de que o lateral dereito e á vez técnico se resentise a semana pasada dunha escordadura no seu nocello.