Pontevedra acollerá en febreiro o Campionato de España Júnior de taekwondo
Por Diego Espiño
Os contactos iniciados polo presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o pasado mes de maio en Alicante co presidente da Federación Española de Taekwondo, Jesús Castellanos, empezan a dar os seus froitos.
A partir dese momento Pontevedra traballou para converterse en sede de varias competicións no futuro, unha colaboración que se vai materializar en primeira instancia na disputa na cidade de Lérez do Campionato de España Júnior o próximo mes de febreiro.
Segundo confirmou a propia Federación Española, o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá o día 15 un evento no que se darán cita máis de 300 deportistas das diferentes comunidades autónomas, todos eles nacidos entre os anos 97 e 99.
Os combates, que contarán con tres asaltos de dous minutos cada un, disputaranse para os pesos mini mosca, mosca, galo, pluma, lixeiro, superlixeiro, semi medio, medio, semi pesado e pesado en categoría masculina e feminina.
Trátase do primeiro campionato de nivel que recaerá en Pontevedra, pero tanto Mace Sport coma Concello esperan que non sexa o último, pois tras a súa viaxe a Alicante tanto Miguel Cortegoso coma o alcalde fixaron o seu obxectivo en intentar organizar un Open Internacional Clase A, o que supoñería a presenza na cidade de preto de 3.000 deportistas entre os que estarían os mellores taekwondistas do Mundo.
Relacionadas:
-
O Nacional Júnior de Taekwondo enche de cor o Municipal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Máis de 300 taekwondistas cítanse no Municipal no Campionato de España Júnior
Por Diego Espiño |
-
12 probas deportivas de rango nacional e internacional terán a súa sede en Pontevedra en 2014
Por Diego Espiño |
-
Lores confirma a aposta de Pontevedra polo taekwondo: "temos a intención de traer un evento importante"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra negociará a celebración na cidade dun campionato de España de taekwondo
Por Alejandro Espiño |