Xornada redonda para Mareantes e Pontevedra Rugby Club
Por Redacción
A primeira xornada do ano na Primeira División Galega de rugby deixou un gran resultado para os equipos lerezanos, que sumaron senllos triunfos nos seus respectivos compromisos.
O Pontevedra Rugby Club impúxose en Monte Porreiro ao Coreti Lalín por un claro 25-5 nun encontro dominado polos de Chamy Doval, que puxeron distancia cun 12-0 inicial para sentenciar no segundo tempo e sumar ademais un punto por bonus ofensivo grazas aos seus catro ensaios.
Con esta vitoria, que confirma a aclimatación do PRC á categoría, os pontevedreses ascenden a cuarta praza con 19 puntos e abren oco cos postos baixos da clasificación.
Máis arriba, terceiro, encóntrase o Mareantes, que non só gañou con autoridade no campo do Zalaeta de Arteixo (15-31) senón que grazas ao seu bo papel en ataque, logrando ata cinco ensaios, se anotou tamén o bonus ofensivo.
Ao bloque lerezano parece terlle sentado de marabilla o descanso do Nadal recuperando as boas sensacións para empatar no segundo lugar co Vigo Rugby B, con 21 puntos, aínda que polo momento lonxe do líder invicto, Os Ingleses.