Lourdes Domínguez cae en primeira rolda de Australia (6-0, 6-2) contra a danesa Caroline Wozniacki
Por Alejandro Espiño
Non houbo sorpresas en Australia. Lourdes Domínguez caeu derrotada na primeira rolda do Aberto de Australia, o primeiro Grand Slam da tempada. Fíxoo por un contundente 6-0, 6-2 ante a danesa Caroline Wozniacki, actual número 10 do mundo. Era o primeiro enfrontamento entre ambas deportistas.
O partido de Lourdes Domínguez contra a ex número 1 do tenis feminino durou apenas unha hora. A danesa só necesitou 25 minutos para vencer o primeiro set por 6-0. Algo máis empregou, 42 minutos, para superar á española no segundo parcial, 6-2.
A pontevedresa foi incapaz de plantarlle cara a unha xogadora que, malia non estar no seu mellor momento de forma (en 2013 non logrou gañar ningún título), demostrou estar a outro nivel.
O ano pasado tamén caera en primeira rolda, entón ante a eslovaca Svetlana Kutnesova.
Lourdes, que chegaba a Australia como número 72 do mundo, terá unha nova oportunidade en Australia no cadro de dobres. Pero tampouco o terá fácil. Ela e a súa compañeira, a estadounidense Lauren Davis, enfrontaranse á parella rusa formada por Ekaterina Makarova e Elena Vesnina, cabezas de serie número 3 do torneo.