Así será a etapa A Estrada-Monte Castrove, o paso de La Vuelta 2014 por Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra volverá ter un papel destacado en La Vuelta 2014. Xa se coñecían os puntos de saída e chegada das 21 etapas da proba, pero a súa presentación oficial, celebrada este sábado no Palacio de Congresos de Cádiz, permitiunos comprobar os perfís das cinco etapas que se disputarán en terras galegas. "Será una Vuelta dentro de otra Vuelta", segundo sinalou o director de Unipublic, Javier Guillén.
Tras unha primeira etapa en Galicia, entre Ortigueira e A Coruña, a caravana de La Vuelta entrará na provincia de Pontevedra. Será o xoves 11 de setembro coa etapa entre A Estrada e o Monte Castrove (Meis), de 173,5 quilómetros. Promete espectáculo, xa que as case tres semanas de competición coas que se chega a este punto poderían pasar factura nunha etapa que dará paso aos tres días definitivos.
Logo de saír de A Estrada, os ciclistas pasarán por Cuntis, Moraña e Caldas de Reis antes de dirixirse cara a Vilagarcía de Arousa, a donde chegarán por Valga, Pontecesures y Carril. Alí subirán de novo Monte Lobeira. A partir de aí dirixiranse ao corazón do Salnés, previo paso por Barro. La Vuelta regresará así a Cambados, xusto antes de enfilar o camiño cara a Meaño e Sanxenxo. Tras pasar por Villalonga, Desde A Lanzada percorrerase a PO-308 por Portonovo, Sanxenxo, Raxó, Combarro e Poio ata chegar á cidade de Pontevedra.
Por Pontevedra pasarán dúas veces. Tralo primeiro paso haberá un percorrido adicional de 22 quilómetros pola comarca antes de volver á capital da provincia e emprender a primeira subida á Escusa, no Monte Castrove. Será unha subida de cinco quilómetros con rampas do 12%. Os ciclistas volverán baixar cara a Combarro para a continuación volver subir este porto, considerado como de segunda categoría. Será un final no alto.
O venres 12 de setembro, La Vuelta seguirá en Pontevedra, pero xa na parte sur da provincia. Será unha etapa entre Salvaterra do Miño e Cangas, 176,5 quilómetros que pasarán, entre outros, por Ponteareas, O Porriño, Tui, Tomiño, Baiona, Vigo, Redondela ou Moaña. Será antes das dúas últimas etapas por Ourense e Lugo e a contrarreloxo final entre a Cidade da Cultura e a praza do Obradoiro (Santiago de Compostela).
Neste sentido, Javier Guillén sinalou que "si Madrid, capital del ciclismo, ha sido y será el escenario de nuestro podio final, para esta edición y gracias a su generosidad y comprensión de la capital de España, el testigo de esta importante etapa le será cedido a Santiago de Compostela, lugar que es para el peregrino y será para el ciclista 'El Final del Camino'. Gracias Madrid, gracias Santiago".
Será o punto final a unha Vuelta ciclista a España de 2014, que se disputará do 23 de agosto ao 14 de setembro, e que segundo os seus organizadores "ofrece espectáculo, emoción e intensidad". Do trazado, Guillén destacou a saída en Jerez cunha crono por equipos antes de afrontar Cádiz, San Fernando, Algeciras e Arcos de la Frontera, "mar y sierra, sierra y mar", e outras provincias andaluzas, o regreso a terras manchegas, o paso por Aragón e Navarra ou a visita a Logroño.
Tamén o "paso obligatorio y tan necesario" para a Vuelta por Cantabria, o inédito Alto da Camperona, no val de Sabero, o gran achado desta edición, un porto cun desnivel de ata o 24 por cento, e as tradicionais etapas asturianas con finais en Lagos de Covadonga e Lagos de Somiedo, que "pondrán la emoción antes de la última parte de carrera", as cinco etapas galegas, que poñerán o broche de ouro á proba.