Dous meses de calendario accesible para consolidarse nos primeiros postos
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol ten ante si unha grande oportunidade para culminar a súa remontada cara aos primeiros postos e mesmo se achegar ao liderado, con dous meses de competición nos que se enfrontará a equipos, na súa maioría, da zona baixa da clasificación.
Os granates, quintos a un punto da zona de play-off e a cinco do primeiro posto, visitan este fin de semana o campo do Racing Villalbés (domingo 16:00 horas), décimo quinto na táboa, para recibir despois ao último Grixoa en Pasarón e pechar xaneiro a domicilio ante outro equipo que ocupa postos de descenso, o Cultural Areas.
Xa en febreiro chegará a quenda do encontro máis complicado desta xira, o derbi ante o Arosa, onde o Pontevedra actuará como local antes de visitar a Bertamiráns, décimo terceiro, e recibir o Laracha, décimo cuarto.
Ao mesmo tempo que o calendario se suaviza para os lerezanos os seus rivais afrontarán varios enfrontamentos directos nas dúas próximas xornadas, polo que as posibilidades de recortar puntos aumentan.
ÿ o caso do Cerceda-As Pontes e Somozas-Boiro deste domingo ou o Somozas-Cerceda da xornada 22.
FIN Á ROLDA DE CONTACTOS COS XOGADORES
Co inicio do traballo semanal, tras descansar o Día de Reis, o director deportivo dos granates, Milo Abelleira, retomou os contactos cos futbolistas do primeiro plantel para coñecer as súas intencións e a súa situación ata final de tempada e intentar evitar outro caso como o de Candela.
Abelleira ten previsto rematar coas reunións con "los seis o siete jugadores que faltan" durante a xornada do mércores.