Moreira e David Pérez caen da convocatoria do Pontevedra para recibir o Choco
Por Diego Espiño
Volve a competición a Pasarón cun vibrante partido entre Pontevedra Club de Fútbol e Club Deportivo Choco (domingo, 12:00 horas).
Os granates reciben a unha das revelacións do campionato, un conxunto redondelano que a pesar de ser un recén ascendido marcha en cuarto lugar da clasificación, posto que esperan conseguir canto antes os granates na súa loita por alcanzar as primeiras prazas.
Manu Fernández non se mostra sorprendido coa campaña que está a realizar o seu próximo rival, do que asegura saber "al nivel que están, sobre todo con el refuerzo de Pablo (Couñago) arriba que le va a dar mucho gol, que igual era su asignatura pendiente".
Por iso incidiu na concentración de cara a un choque no que a principal dúbida do preparador lerezano pasa polo centro do campo.
Ademais da marcha de Candela, dous xogadores habituais nas aliñacións esta tempada como Moreira e David Pérez caeron da convocatoria por problemas físicos.
David García parece o home chamado a substituír o primeiro diante da defensa se Manu Fernández opta por manter o seu esquema táctico habitual, ao ser o único futbolista de perfil similar a Candea no primeiro equipo.
Na lista tampouco entrou por decisión técnica Pablo Gónzalez, ocupando o seu posto entre os 16 o central do filial Kevin Presa, ademais dos lesionados Tubo, Fran Fandiño e Benja.
Así a convocatoria quedou composta por: Edu, Paco, David Feito, Caco, Yago Vázquez, Adrián, Richi, Javi Otero, David García, Pablo Lede, Kevin Presa, Kevin Levis, Santi Domínguez, Pablo Carnero, Luismi e Miguel.
O encontro estará dirixido polo colexiado compostelán Julio Martínez Barral.