Día estraño, horario pouco habitual pero puntos vitais para o Pontevedra ante a visita do Boiro
Por Diego Espiño
Once días despois o Pontevedra Club de Fútbol volve competir en liga coa visita este xoves do Club Deportivo Boiro a Pasarón (20:45 horas).
Os granates parten coa necesidade de vencer e convencer para seguir escalando posicións e recortar puntos a un conxunto que, malia ser recén ascendido, ocupa os postos de privilexio.
Nun horario estraño e no medio da semana os de Manu Fernández buscan o seu terceiro triunfo consecutivo nun "partido de los bonitos, que justa jugar", segundo o cualifica o técnico lerezano.
Fernández recoñece que mellorar como local é a "asignatura pendiente" pero engade que o encontro deste xoves "es la mejor oportunidad para intentar modificarlo".
Ademais dos lesionados Tubo, Benja e Fran Fandiño, quedaron fóra da convocatoria por decisión técnica Yago Vázquez e David García, ao que hai que sumar a ausencia de Javi Otero por precaución, intentando evitar así unha posible recaída por acelerar os prazos da súa volta aos terreos de xogo.
Deste modo a lista de 16 quedou composta por: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Pablo, Miguel, Caco, Candela, Pablo Lede, Moreira, David Pérez, Richi, Luismi, Santi Domínguez, Carnero e Kevin.