Volta ao traballo con contratempos para o Pontevedra
Por Diego Espiño
A volta aos adestramentos do Pontevedra deparou unha mala noticia para Manu Fernández en forma de lesión, cando parecía que a enfermaría granate se ía baleirando.
Se na última sesión da semana foi Benja o que se resentiu dos seus problemas musculares, este luns tocoulle a quenda a Fran Fandiño, que recaeu da súa lesión no cuádriceps cando xa estaba reintegrado no traballo co grupo.
Fandiño tivo que abandonar o adestramento ao pouco de comezar, polo que se descarta a súa presenza no choque do próximo xoves ante o Boiro en Pasarón, ao igual que Benja e Tubo.
En relación ao resto de futbolistas tocados, Moreira e Santi Domínguez non deberían ter dificultade para entrar na convocatoria, mentres Javi Otero, que se exercita ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, é probable que non volva o equipo polo menos ata a fin de semana, co obxectivo de ser cautelosos e evitar posibles recaídas, como o acontecido con Fandiño e Benja.
Os días de descanso serviron, segundo Manu Fernández, para afrontar con forzas renovadas un choque importante, no que os granates intentarán mellorar a súa imaxe como local.
Asegura o técnico lerezano que "un partido como este es la mejor prueba para el estado del equipo", que conta co obxectivo inmediato de "ser cuartos cuanto antes y después ir poco a poco".
O corpo técnico programou polo momento dúas sesións máis, martes e mércores, previas á visita do Boiro.