Descanso ata o luns para o Pontevedra antes de encarar o sprint de final de ano
Por Diego Espiño
O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Manu Fernández, ten decidio dar o fin de semana de descanso aos seus aproveitando o aprazamento da xornada pola participación da Selección Galega de Afeccionados na Copa de Rexións UEFA.
Tras a sesión celebrada na tarde deste venres na Xunqueira o primeiro plantel non volverá ao traballo ata o próximo luns, arrancando un mes de competición, con parón do Nadal incluído, que o levará a xogar catro partidos dos cales tres serán no Estadio Municipal de Pasarón.
Para o primeiro deles, fixado para o próximo xoves (20:45 horas) ante o Boiro, Fernández espera recuperar varios dos futbolistas que veñen arrastrando problemas físicos.
Así, ademais de Fran Fandiño, Javi Otero e Benja, que xa adestran co grupo, o técnico confía que os días de descanso rematen cos pequenos problemas que sofren homes como Santi Domínguez, Pablo Carnero e Moreira, este último despois de retirarse por un golpe no encontro de Ordes.
Por outro lado, tras a súa ausencia por sanción, David Pérez volverá estar dispoñible, polo que o adestrador granate podería ter a todo o plantel á súa disposición a excepción de Tubo, que segue recuperándose da súa lesión de xeonllo.
Tras recibir ao Boiro, só tres días mais tarde o equipo lerezano visitará As Somozas para rematar o ano sete días máis tarde na casa ante o Dorneda.
Nada máis empezar 2014, o día 5 de xaneiro o Pontevedra arrancará a segunda volta de novo en Pasarón ante unha das revelacións da tempada, o Choco.