Primeira vitoria na liga do Comercial Durán masculino ao derrotar claramente (0-3) o Xiria Voley
Por Redacción
Á oitava chegou a vencida. O Comercial Durán estreou o seu cadro de vitorias na Segunda División masculina de voleibol. Fíxoo cun contundente triunfo por 3 sets a 0 ante o Xiria Voley de Carballo que, con esta derrota, sitúase como o último da clasificación.
Foi un partido moi tranquilo, no que en ningún momento os pontevedreses viron perigar o seu resultado. Venceron finalmente por 20-25, 17-25 e 20-25.
Ademais desta visita a Carballo, o Comercial Durán xogou tamén esta fin de semana, neste caso en Pontevedra, o seu partido contra o Fisioterapia Cinesia Noia, que debía haberse xogado na cuarta xornada.
A pesar dos erros en saque e da sensación de desorde no campo visitante, os de Noia souberon reaccionar a tempo en cada un dos sets para complicar a recepción dos pontevedreses e presionar en ataque pechando con comodidade o partido con tanteos de 18-25, 19-25 e 18-25.
VITORIA DO EQUIPO FEMININO
No caso do equipo feminino, o Comercial Durán mantense na parte alta da clasificación de Segunda División grazas á súa contundente vitoria por 3-0 ante o Xuvenil de Teis. A pesar do claro resultado, as xogadoras pontevedresas tiveron que empregarse a fondo para derrotar ás viguesas, que presionaron en varios momentos crave do encontro e cederon por 23-25, 21-25 e 24-26.
Con este triunfo, o Comercial Durán é cuarto con 16 puntos, a cinco do Calasancias da Coruña, líder da categoría.