Nadal solidario no Complexo Deportivo Rías do Sur
Por Diego Espiño
O Complexo Deportivo Rías do Sur, en Ponte Muíños, sacará a relucir a súa cara máis solidaria este nadal colaborando na campaña de recadación de fondos de Rede Axuda.
Na iniciativa implicáronse o Club Natación Galaico, Supera e a Fundación Rías do Sur.
Ademais dos petos que se habilitarán no recinto e as axudas económicas prometidas por Galaico e a Fundación, as actividades iniciaranse na competición que organiza o club deportivo este mesmo sábado.
Trátase da primeira xornada da Liga Promesas, que reunirá máis dun centenar de nadadores con probas tamén para benxamíns e alevíns.
Alí recadaranse fondos e procederase a vendar rifas por valor dun euro con premio de material escolar para os deportistas.
A esta parte competitiva hai que sumar a semana solidaria que a concesionaria das instalacións, Supera, organizou entre o 9 e o 15 de decembro, incluíndo unhas clases especiais de bike solidario (día 10), zumba (día 12) e talleres e xogos para os pequenos (día 15) nos que os participantes achegarán unha cantidade, a que eles decidan, para o moedeiro de Rede Axuda.
Na presentación destas actividades a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, agradeceu a colaboración e recordou os obxectivos da campaña, que nesta ocasión busca "mellorar o proceso de dignificación da axuda".
Fouces explicou que o recadado se destinará á compra de alimentos que serán enviados en lotes a domicilios das persoas que necesitan esa colaboración: "pode paracer unha tontería pero non é o mesmo que llo leve a casa un supermercado que ter que ir a buscalo, que lle pode dar reparo".
Segundo explicou a concelleira na lista de beneficiarios terán prioridade as familias que teñen o seu cargo a algún menor de idade.