Outra vez o desconto decide un partido do Arosa que remonta para derrotar (3-2) ao Grixoa
Por Redacción
Esta vez a "sindrome" do desconto resultou favorable ao Arosa. Os de Piscis, moi mermados polas baixas, sufriron para derrotar ao colista Grixoa, que acariñou a vitoria pero caeu no desconto, cun gol de Nando, para culminar unha remontada espectacular do cadro arlequinado.
Os arosistas realizaron unha frouxa primeira parte, culminada co gol de Mon, nun remate desde fóra do área, ao fio do descanso. Pero as cousas non melloraron na segunda metade, ata o punto de que Chenel aproveitaba un contragolpe para poñer o sorprendente 0-2 no marcador, pasada a hora de xogo.
Pero cando a derrota local parecía inevitable, nos últimos 20 minutos chegou a reacción arlequinada, cun sensacional lanzamento de falta de Vixo que recortaba distancias. Era o minuto 73 e dez máis tarde unha nova falta ao bordo do área sácaa outra vez Vixo, sorprendendo á zaga visitante e poñendo o balón nas botas de Nando, que consegue o empate.
O Grixoa quedábase en inferioridade por expulsión, dobre amarela de Peque, na recta final do partido, o que permite aos locais intensificar o cerco á portería rival, ata que co tempo cumprido, no minuto 94, o mesmo Nando resolve un barullo no área, tras un lanzamento de esquina, para culminar a remotada e dar a vitoria ao cadro arosista, entre as protestas dos visitantes, que custaron as expulsións de Cholo e Pintado.
AROSA S.C. (3): Jorge; Juanjo (Munín, min. 46), Álex Freire, Martín, Alfonso, Vixo, Jesu, Jonathan (Ramón, min. 46), Nando, Eloy (Santi, min. 91) e Hugo.
S.D. GRIXOA (2): Brais; Pintado, Chenel, Cholo, Diego Peña (Calderón, min. 37), Guille, Brais Calvo, Peque, Diego Fernández, Mon e Dani Moto (Íker, min. 80).
Árbitro: Vázquez García (A Coruña). Expulsou a Peque (minuto 86) e a Cholo (minuto 94), por dobre amarela, e a Pintado (minuto 94) con vermella directa. Amonestou a Martín, Álex Freire e Jorge Pérez polo Arosa e a Dani Moto, polo Grixoa.
Goles: (0-1) Minuto 44: Mon. (0-2) Minuto 62: Chenel. (1-2) Minuto 73: Vixo. (2-2) Minuto83: Nando. (3-2) Minuto 94: Nando.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 800 afeccionados.