O CW Galaico Pontevedra tira de épica para derrotar (12-11) un dos aspirantes ao título, o CN Coruña
Por Redacción
Importante vitoria do Club Waterpolo Galaico Pontevedra fronte a un rival directo. Visitaba a piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) o CN Coruña, un dos grandes favoritos ao título da Liga Galega de Primeira División, un equipo moi reforzado con respecto á última tempada. Pero do mesmo xeito que ocorreu o ano pasado, os pontevedreses foron superiores. Aínda que neste caso o triunfo foi pola mínima.
Un mal inicio de partido, con pouco acerto de cara a portería, facía que os coruñeses se adiantaran no marcador cun primeiro parcial de 0-1. No segundo cuarto o CW Galaico Pontevedra non mellorou o seu apartado ofensivo nos primeiros minutos, o que levou aos coruñeses a situarse 1-5 no minuto 5. Pero dous goles dun espectacular Ángel e outro de Andrés meteron aos do Lérez no partido, chegando ao descanso cun 4-6 no marcador.
O CW Galaico Pontevedra viuse obrigado a dar todo de si para asegurar os puntos na súa casa. E vaia se o fixo. No último segundo do terceiro período, desde o medio do campo, Andrés igualaba o partido a 9 goles.
No último cuarto mantívose a igualdade entre os dous equipos, marcando o CN Coruña en dúas ocasións, seguidas de goles pontevedreses, ata que a falta de 35 segundos, tras un contrataque, Juanjo conseguía un penalti que Bran encargouse de materializar, logrando así o 12-11 definitivo.
Con esta vitoria, o CW Galaico Pontevedra suma seis puntos grazas ás súas dúas vitorias e comparte o liderado da categoría co CW Santiago.
CW GALAICO PONTEVEDRA (12): Pablito, Rober (2), Manu, Luis, Kike, Juanjo (1), Ángel (2), Andrés (5), Raúl, Xoán, Bran (1), Juan (1) e Raulito.
CN CORUÿA (11): A. Gómez, S. Gómez, Otero, Quelle, Gato (3), Alba, Abuín (2), García, Orozco, Martins (3), García (1), Blanco (2) e Escudero.
Parciais: 0-1, 4-5, 5-3, 3-2