Vitoria pola mínima (66-65) do Peixe Galego ante un Conservas de Cambados que apertou moito ao final
Por Redacción
O derbi galego quedou na casa. Nun choque igualado e xogado a poucos puntos, o Marín Peixe Galego impúxose pola mínima (66-65) ao Conservas de Cambados. Os marinenses conseguiron lograr ante a súa afección, que encheu as bancadas do Pavillón da Raña, a súa terceira vitoria da tempada, un triunfo que lles sitúa, polo momento, na parte alta da clasificación no ano do seu debut na Adecco Prata.
Empezou forte o Marín Peixe Galego con dous parciais moi claros de 6-0 e 15-6. Notábase neles as ganas de agradar ao seu público e fixérono neutralizando por completo o xogo dos cambadeses. O 22-13 do final do primeiro cuarto foi un bo botín para os de Javier Llorente, que no segundo cuarto seguiron mandando nuns minutos que se caracterizaron polas continuas perdas de balón e as malas porcentaxes de lanzamento de ambos os equipos.
Con case idéntica renda (37-27) fóronse ambos os conxuntos ao túnel de vestiarios. Pero a excelente saída dos locais, cun novo parcial de 9-0, situaba no marcador un 46-27, que parecía sentenciar o derbi. Aramburu puña case os 20 de renda a 15 minutos do final, deixando a Cambados cinco minutos sen anotar. Rapier, o mellor local, seguía capitaneando ao seu equipo ante un rival, que arranxou o luminoso a falta dun cuarto (53-41).
No arranque do cuarto final, Oubiña pegou a poutada que puña en órbita por primeira vez aos visitantes (53-48) a sete minutos e medio para o final. Pero non estaban dispostos os locais a botar por terra o excelente traballo realizado, a pesar de que a un minuto do final Diop puña un inquietante 64-61. Foi Suárez o que pechou o partido e o merecido triunfo local desde o tiro libre a tres segundos do final.
Con este resultado, o Marín Peixe Galego sitúase quinto na clasificación con tres vitorias en cinco partidos. Conservas de Cambados, cun partido menos que os marinenses, son oitavos con dous triunfos e dúas derrotas.
MARIN PEIXE GALEGO (66): Manuel Ferreiro (6), Luis González (5), Aramburu (10), Albert Homs (7), Al Rapier (16) -cinco inicial- Darío Suárez (4), Podkovyrov, Lucho Fernández (13), Gregorio Adón (3), Dirugeris (2).
CONSERVAS DE CAMBADOS (65): Orellano (14), Alberto Rodríguez (4), Norman Rey (5), Merino (8), Taylor García (5) -cinco inicial- Ander García, Lucas Vaquero (2), Juan Mato (7), Diatta Diop (9), Oubiña (11).
Árbitros: Martínez Prada e Sánchez Benito
Parciais: 22-13, 15-14, 16-14, 13-24.
Incidencias: Partido da quinta xornada da Adecco Plata, disputado no Pavillón da Raña de Marín