Unha gran primeira parte bástalle ao Leis para impoñerse (6-1) ao filial do Burela FS e manter o liderado
Por Redacción
Importante vitoria do Leis que lle afianza unha xornada máis no liderado da Terceira Nacional de fútbol sala. Non as tiñan todas consigo os pontevedreses, xa que esta tempada parece non xogar en casa tan cómodos como a domicilio, pero finalmente atopáronse cun partido máis fácil do esperado. Impuxéronse por 6-1 ao Burela FS B, un equipo situado na parte media da clasificación e suman xa 15 puntos.
O encontro comezou cos dous equipos defendendo en media pista. Tras os minutos iniciais de tenteo, o Leis foise facendo dono do partido provocando numerosas contras que, aos poucos, facían que o equipo local estivese máis cómodo. Así, os goles foron caendo. O primeiro, nun gran disparo de Noel tras pase de Martín; e despois Raúl, que superou ao porteiro visitante cunha bela vaselina. Pechou a conta na primeira metade Pablo Durán que, tras apoiarse en Barcala, empuxou o balón por baixo das pernas do porteiro.
Pero na segunda metade o partido cambiou. O Burela foise facendo co control do xogo, pero Chenlli e a defensa pontevedresa evitaron males maiores. Cando máis apertaban os lucenses, Gustavo marcaba o cuarto gol do Leis. Na xogada seguinte un mal pase na entrega de Raúl provocaba o único gol visitante, obra de Antón.
A partir de aí, o xogo volveuse moi físico o partido e pouco táctico ata que ao conxunto visitante non lle quedou outra que saír de cinco. O Leis non sufriu moito e Raúl roubou un balón que cedeu a Noel para facer o 5-1 desde o seu campo. O Burela insistiu co porteiro xogador e na presión Martín logrou roubar un valioso balón nas inmediacións da área rival, cedendo a Noel para que este asinase o seu particular hat-trick.
LEIS PONTEVEDRA (6): Chenlli, Gustavo (1), Martín, Sergio Martínez, Sergio García, Pablo Durán (1), Raúl Jiménez (1), Barcala, Miguel López, Miguel Cabaleiro, Noel (3).
BURELA FS B (1): Brais, Carlos, Manuel, Antón (1), Antón González, Diego López, Diego Blanco, Helder, Xoel, Javier, Aitor.
Árbitros: Andres Garcia Freiria e Enrique Lago Barreiro. Amoestaron con amarela polo Leis a Barcala e polo Burela a Manuel, Carlos e Helder.
Incidencias: Partido da sexta xornada da Terceira Nacional de fútbol sala, disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.