Liga a golpe de venres para un Teucro que espera volver á senda do triunfo ante o Sinfín
Por Diego Espiño
Dúas xornadas sen gañar son demasiadas para a traxectoria do actual Teucro adestrado por Javier Barrios. Por iso mesmo os azuis confían en volver á boa senda coa visita este venres do Go Fit Sinfín ao Pavillón Municipal (18:00 horas).
A celebración do XVI Open Internacional Cidade de Pontevedra obriga ao adianto do encontro, no que o Teucro intentará recuperar os puntos perdidos no último compromiso na casa ante Alcobendas e facer boa a remontada e posterior empate hai uns días en Palma del Río.
Non o terán doado os azuis. En fronte terán un equipo, o santanderino SinFín, que só está a un punto dos lerezanos e que tamén quererá vingarse da súa última derrota na casa, ante o Benidorm.
Para lograr os dous puntos Javier Barrios poderá contar con todos os xogadores do primeiro plantel, en perfecto estado físico.
Pola súa banda nos santanderinos é dúbida o porteiro Ernesto, por un problema nun dedo da man, mentres o pivote Lon arrastra molestias no cóbado.