A Raña prepárase para o derbi entre Peixe Galego e Xuven
Por Diego Espiño
ÿ outra categoría, uns obxectivos diferentes aos dos últimos anos, pero a rivalidade sa entre Peixe Galego e Xuven non decae ante o primeiro derbi provincial dende o ascenso de ambos os dous á liga Adecco Prata.
A expectación en Marín e Cambados é máxima horas antes dun encontro que se xogará no Pavillón da Raña (sábado 19:30 horas).
Espérase un grande ambiente nas bancadas para un partido no que está en xogo a supremacía galega na categoría, despois de arrancar os dous equipos a competición con dous triunfos en catro xornadas, aínda que os amarelos contan cun partido menos tras descansar na primeira semana de liga.
As sensacións do Conservas de Cambados foron tremendamente positivas ata o momento, cunha derrota axustada ante o poderoso Palma Air Europa e dous triunfos folgados ante o Grupo Eulen e o CB Prat, unidos a unha notable pretempada.
Pola contra o Peixe Galego comezou a liga con maior sufrimento pero aproveitando as súas oportunidades para vencer, de xeito axustado, na primeira xornada ao Zornotza e na cuarta a domicilio ao Askatuak. No medio dúas derrotas na casa ante Fuenlabrada e Cáceres que non enmascaran que os de Javi Llorente protagonizaron unha clara evolución co paso das semanas.
Non obstante todo isto pouco contará nun derbi que fraguou a súa lenda durante as intensas tempadas de ambos os dous conxuntos na liga EBA.
Tanto Javi Llorente coma Yago Casal poderán dispoñer dos seus mellores xogadores para o encontro.