Tubo ten afectado o ligamento cruzado do seu xeonllo
Por Diego Espiño
Malas noticias para o Pontevedra Club de Fútbol, que podería perder ao futbolista Rubén López 'Tubo' polo que resta de tempada.
As primeiras exploracións ás que foi sometido o extremo, despois de retirarse lesionado o domingo no choque ante o Alondras, confirman que ten afectado "polo menos parcialmente" o ligamento cruzado anterior do seu xeonllo, segundo informou o club granate nun comunicado.
O alcance exacto da lesión non se coñecerá ata ter os resultados da resonancia magnética á que será sometido nos próximos días, pero en caso de padecer unha rotura total Tubo despediríase practicamente da actual tempada ao ser o período estimado de recuperación para esa lesión de, polo menos, seis meses.
O diagnóstico do xogador inclúe ademais unha lesión de menor importancia, como é unha distensión muscular no xemelgo externo.
Este contratempo supón un rompedeiro de cabeza para Manu Fernández, que terá que buscar un substituto para o extremo, indiscutible nas aliñacións na presente liga, polo menos temporalmente.
A escaseza de efectivos actual, coa enfermaría granate repleta, podería facer que o adestrador recorra ao filial en busca de solucións para o partido do próximo xoves ante o Rápido de Bouzas.
Relacionadas:
-
Manu Fernández segue sen recuperar efectivos para os dous próximos partidos do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Un gol de Pablo Carnero dá os tres puntos ao Pontevedra (1-0) sobre o Alondras nun partido feo e sen ocasións
Por Ramiro Espiño |
-
Benja incorpórase o grupo pero a enfermaría granate segue repleta
Por Diego Espiño |