O bombo emparella ao Teucro co Cuatro Rayas Valladolid na Copa do Rei
Por Diego Espiño
Un grande do balonmán español visitirá o Pavillón Municipal dos Deportes na segunda rolda da Copa do Rei de Balonmán.
O bombo emparellou á Sociedad Deportiva Teucro co Cuatro Rayas Valladolid, un club histórico en horas baixas que ocupa, a día de hoxe, o duodécimo posto da liga Asobal con cinco puntos en sete partidos.
Tras eliminar a domicilio ao Benidorm, os azuis terán a oportunidade de avanzar na competición coa ilusión de poder enfrontarse en oitavos de final a un dos mellores equipos nacionais, cando entren en liza os oito mellores clasificados da pasada tempada na máxima categoría.
Para iso os de Javier Barrios deberán dobregar o Valladolid nunha eliminatoria que se disputará en Pontevedra o próximo mércores 6 de novembro, en horario por confirmar, e a partido único.
A pesar do seu actual momento, o club pucelano conta no seu palmarés cunha Recopa de Europa, unha Copa Asobal e dúas Copas do Rei, unha delas, a da tempada 2004-2005, conquistada en Pontevedra.
O resto do sorteo emparellou á outros sete equipos da División de Honra Prata con clubs de Asobal con este resultado: Bordils-Cangas, Palma del Río-Ciudad Encantada, Torrelavega-Juanfersa Gijón, Barcelona B-Bidasoa, Pozoblanco-Villa de Aranda, Sinfín-Guadalajara e Meridiano Antequera-Ángel Ximénez.