O Galaico presenta as súas armas ante unha tempada ilusionante
Por Diego Espiño
O Club Natación Galaico e as seccións Galaico Sincro e Waterpolo Galaico Pontevedra, ensinaron músculo na presentación da entidade de cara á tempada 2013-2014.
Xunto a todos os seus deportistas, dende os máis pequenos ata os sénior, os adestradores e dirixentes do club desvelaron os ambiciosos obxectivos para o presente curso, no que esperan seguir sendo un das entidades de referencia da natación galega.
A pesar de que os 70 nadadores pertencentes á parte viguesa do club se desvincularon do Galaico, o club pontevedrés segue contando cun número importante de licenzas e representación en todas as categorías.
Aproveitando o acto o presidente do Natación Galaico, José Miguel Cano, xunto ao director técnico Álvaro Reiriz, desvelaron ademais os plans do club de ampliar os seus horizontes deportivos coa creación dunha nova sección de triatlón.
Na presentación o Galaico homenaxeou tamén dous dos seus referentes, a olímpica Beatriz Gómez Cortés e o medallista paralímpico Chano Rodríguez.