O Pontevedra, baixo mínimos para o partido de Betanzos
Por Diego Espiño
A enfermaría do Pontevedra Club de Fútbol está repleta a poucos días de ter que visitar o García Hermanos de Betanzos en liga (domingo 17:15 horas).
Ata oito xogadores do primeiro plantel presentan diversos problemas físicos que complican a súa presenza no segundo partido de Manu Fernández ao mando da nave granate.
Ao igual que a pasada semana Caco, Benja e Javi Otero son baixa segura ao estar a recuperarse das súas respectivas lesións musculares, unha lista á que se une Pablo Lede, lesionado por un mes.
Por outro lado Fran Fandiño, que caeu a última hora da convocatoria para o partido ante As Pontes tamén por problemas musculares, evoluciona favorablemente, aínda que en principio se optará por non forzar a súa reaparición esperando unha semana máis para evitar unha posible recaída.
Noutro grupo encóntranse tres dos efectivos da dianteira granate como Santi Domínguez, Luismi e Richi, con diversos golpes e molestias que lles impediron adestrar con normalidade.
Santi é o que conta con peor prognóstico, mentres Luismi, con dor nun nocello, e Richi, cunha contusión, se espera poidan entrar na lista definitiva para viaxar a Betanzos.
Se Richi e Luismi se recuperan Manu Fernández contaría con 15 futbolistas para confeccionar a convocatoria, que sería completada con algún xogador do filial, sendo previsible que o once inicial que presente no García Hermanos sexa moi similar ao que presentou o Pontevedra o pasado domingo.
Ata o mediodía do sábado, tras o adestramento programado, o técnico non dará a coñecer a lista definitiva de xogadores que buscará a segunda vitoria consecutiva que achegue aos lerezanos aos postos altos da clasificación.