Total secretismo no Pontevedra ante a contratación do novo adestrador
Por Diego Espiño
A incerteza segue rodeando a elección do que será novo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol en substitución de Nando.
O club granate garda con receo os nomes incluídos na terna de candidatos elaborada polo director deportivo, Milo Abelleira.
Esa lista chegará ás mans de todos os conselleiros, incluído o presidente José Manuel Fernández, este martes para estudar as propostas na reunión de traballo convocada para os membros do Consello de Administración ás 19:30 horas nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
Polo momento Manu Fernández segue dirixindo as sesións preparatorias do primeiro equipo ata novo aviso, empezando pola realizada na tarde do luns, de recuperación tras o choque ante As Pontes.
No plan de traballo semanal, con vistas o encontro do domingo en Betanzos, Fernández incluíu unha dobre sesión para o mércores e por segunda semana consecutiva un adestramento matinal para o sábado, 19 de outubro.
PABLO LEDE, BAIXA DURANTE UN MES
A falta de confirmación médica, as primeiras exploracións ás que foi sometido Pablo Lede alertan dunha lesión muscular que terá o centrocampista afastado dos terreos de xogo por espazo aproximado dun mes.
Lede viuse obrigado a solicitar o cambio no encontro ante As Pontes, no primeiro partido de liga que saía no equipo titular.