Cisne e Balonmán Pontevedra inician a tempada en Primeira Nacional
Por Redacción
O Primeiro Nacional de balonmán bota a andar este fin de semana nun grupo integramente galego no que a igualdade está asegurada.
Pontevedra contará nesta ocasión con dous equipos na categoría, o Club Cisne Balonmán e o Balonmán Pontevedra.
O primeiro deles, o Cisne, estréase na cancha do OAR Coruña (Sábado, 18:30 horas) cun plantel renovado con ata sete incorporacións, entre as que destacan a dos laterais Rafa Dasilva e David López, e con nova dirección dende o banco, coa volta á entidade de Edín Covelo.
Pola súa banda o Balonmán Vitaldent Pontevedra estreará categoría na súa curta traxectoria e farao como local, no Pavillón Municipal dos Deportes, ante Las Cinco Jotas Lavadores (Sábado, 20:00 horas), un compromiso no que o equipo adestrado por Pedro Pérez intentará comezar con bo pé nesta nova andaina.
A primeira xornada do Primeiro Nacional complétana os seguintes partidos: Seis do Nadal - Bueu Atlético; BM Lalín - BM Ártabro; At. Novás - Calvo Xiria; SAR - Pabellón Ourense e Luceros - Granitos Ibéricos.