O Arxil desprázase a Portugal para disputar os seus dous primeiros amigables de pretempada
Por Redacción
O Arxil, trala súa terceira semana de preparación, comeza a rodar co primeiro partido de pretemporada, que xogará este sábado ás 17.30 horas no pavillón de Multidesportes de Coimbra contra o Olivais, equipo punteiro da Liga Feminina portuguesa, e que xa disputou competición europea a pasada tempada. Xa o domingo xogará no pavillón de Gafanha ás 12.00 horas fronte ao Vagos, outro conxunto da Liga Feminina portuguesa.
Logo dunha última semana con moita carga de traballo, na que predominaron os exercicios físicos, o plantel arxilista empezará a tomar máis contacto co balón e os adestramentos adquirirán un maior carácter táctico.
Xa este luns pola mañá as xogadoras gozaron dunha sesión con exercicios de ataque e lanzamentos a canastra, e pola tarde, como adoita ser habitual, Mayte Méndez e o seu corpo técnico dispuxeron un adestramento no que se continuou traballando sobre a idea de xogo que quere a adestradora arxilista, con distintos exercicios e situacións reais de partido.
Ana Martín e Carla Fernández, que durante toda a pasada semana tiveron un traballo específico de recuperación xunto ao preparador físico Carlos Vallés por senllas molestias, exercitáronse xunto o resto de compañeiras, e aos poucos iranse reintegrando á normalidade do grupo.
Mayte Méndez despraza a Portugal a 10 xogadoras: Carla Fernández, Sandra Entenza, Andrea Carrera, Jara Tuda, Ana Martín, María Lago, Cristina Díaz-Pache, María González, María Quiroga e Fany López. Ata o 3 de outubro non poderá contar coa última incorporación, Tajay Ashmeade.