O Cisne pecha o seu plantel coa volta do mediático David López
Por Redacción
O popular David López, coñecido tamén como David Amor polo seu traballo en televisión e teatro, retorna ao balonmán pontevedrés da man do Cisne, club no que xa militara na tempada 2011-2012.
O lateral incorpórase oficialmente ao equipo dirixido por Edín Covelo, co que xa estaba a adestrar, compaxinando a actividade deportiva cos seus compromisos profesionais.
David López conta cunha ampla experiencia no balonmán galego, onde pasou por equipos como o Atlético Bueu, Lavadores, Artai, Ribeira, Porriño, Atlético Novás, Xiria ou Teucro, club co que chegou a xogar na Liga Asobal.
Con esta fichaxe o Cisne dá por pechado o plantel de cara á liga de Primeira Nacional que está a punto de comezar e no que se estreará en Coruña ante o OAR o próximo 21 de setembro.