O Gran Mestre serbio Dragan Paunovic Campión do Cidade de Pontevedra de xadrez
Por Redacción
Despois de nove emocionantes e intensas xornadas de xadrez do máis alto nivel, o Gran Mestre serbio, Dragan Paunovic, erixiuse Campión do I Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra. A igualdade entre o pelotón de cabeza fixo que cinco xogadores empatasen no primeiro posto, con 7 puntos de 9 posibles. O mellor coeficiente de desempate deixou o serbio coma Campión do torneo, seguido do arxentino Hoffman, o leonés Jaime Santos, o letón Meskovs máis o murciano Javier Alcaraz.
Jaime Santos acadou a derradeira norma de Mestre Internacional e xa lucirá título nas seguintes probas nas que participe. Jaime, con 16 anos, é un xogador que non deixa de sorprender non só polo nivel do seu xadrez, senón tamén por un estilo de xogo moi peculiar que nos lembra o vixente Campión Mundial, o indio Anand, un xogador cunha rapidez fóra do normal no cálculo e en consecuencia no tempo de resposta dos seus movementos, un feito que aumenta enormemente a presión que exerce nos riváis aos que se enfronta.
Un dos momentos de maior emoción chegou coa entrega do premio especial "Ramón Escudeiro á mellor partida de ataque", galardón que recaeu na moza de tan só 12 anos, Mireya Represa, vixente Campioa de España sub 14 e unha gran amiga de Ramón.
O trofeo ó mellor Veterano foi para o inglés da Universidade de Vigo, Philip Adams. O mellor Candidato a Mestre máis o mellor Afeccionado foron parar ás mans dos irmáns Gómez Diéguez, do Xadrez Ourense. O galardón o mellor xogador sub 16 foi para David García Sobrino, da Escola de Xadrez de Pontevedra.
ÿ peche do evento acudiu o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, pudo ver o emocionante espectáculo da partida que enfrontaba o arxentino Hoffman co mozo galego Lucas Abal. Unha bonita batalla na que Lucas tivo contra as cordas a Hoffman pero que rematou por perder, dándolle o sub campionato ó arxentino.
Coincidindo coa clausura do torneo a Federación Galega fixo entrega dos premios os mellores xogadores do XXVI Circuíto Galego de Xadrez. O letón Nikita Meskovs foi o vencedor da clasificación xeral.