Víctor Riobó levouse a vitoria no +10 Marín Manuel Rosales-GP Ence
Por Diego Torrado
Víctor Riobó levouse a vitoria na segunda edición do +10 Marín Manuel Rosales - Gran Premio Ence. O marinense cubriu os 10 quilómetros en 31 minutos e 21 segundos, mellorando a marca do ano pasado de Iván Docampo, que quedou relegado ao segundo posto. Ambos os dous, xunto a Álvaro Prieto (Afflelou Narón), escapáronse nada máis comezar, formando un terceto cabeceiro que se mantivo ata o quilómetro 8. A partir de aí Riobó e Docampo fóronse por diante ata que chegou a hora de disputarse o triunfo. Nese momento, impúxose o grande estado de forma de Víctor Riobó, que se despegou no último quilómetro e logrou cruzar primeiro a liña de meta.
Tanto na meta, situada na avenida da Muíña, como na avenida Ourense, o +10 Marín se converteu nunha festa dende primeira hora da tarde. Houbo actividades para os nenos, que a partir das 21 horas foron os protagonistas. Correron divididos en catro categorías: chupetes, prebenxamín-benxamín, alevín e infantil-cadete. Tanto eles coma os seus familiares puideron vivir en primeira persoa as sensacións que máis tarde gozaron os centenares de participantes na proba absoluta.
HOMENAXE ÁS VITIMAS DO ACCIDENTE FERROVIARIO
Entre as carreiras dos máis pequenos e a dos maiores, houbo tempo para o momento máis emotivo. Gardáronse 80 segundos de silencio, 79 polas vítimas e 1 polos que aínda sofren no hospital. Nese instante soou 'Sarabal', interpretado pola banda de gaitas local 'Airiños de San Xulián'. Xusto despois entregóuselles unha rosa branca en sinal de agradecemento aos veciños de Angrois presentes e aos membros dos corpo de seguridade e médicos que colaboraron na traxedia.
Houbo representantes da Policía Nacional, os Bombeiros, Cruz Vermella, 061 e protección Civil. Ademais, tamén interviñeron catro veciños de Angrois. Por un lado, Abel Rivas e José Ramón Gutiérrez, que deron o pistoletazo de saída. Por outro lado, Manuel Moure e Walter Rosales, que correron xunto aos demais atletas os 10 quilómetros con tempos moi destacables.