María Lago volve a un Arxil que espera renovar cinco xogadoras máis
Por Redacción
Era un segredo a voces: María Lago regresa ao C.B. Arxil de Liga Femenina 2 tras o ano que pasou en Alicante cunha bolsa de estudos. María Lago é unha xogadora sénior de cuarto ano, cuxa etapa de formación transcorreu en Porriño. Na tempada 2011/12 xogou co Arxil Mafari e no seu segundo ano no club desempeñou un papel moi importante no primeiro equipo.
Moi intensa en defensa, María é unha xogadora á que lle gusta correr; ademais a súa xuventude achégalle moito atrevemento de cara ao aro rival. En dúas tempadas no club adaptouse fenomenalmente ao xeito de xogar do Arxil, e téñense postas nela moitas esperanzas de que se converta nun piar do equipo 2013/14. Lino Vázquez comentou que hai que ser pacientes con María, xa que non adestrou ao mesmo ritmo nin xogou a nivel de Liga Feminina 2 na tempada pasada, pero tamén engade que María Lago é un portento físico e que a ilusión e as ganas que ten de xogar de novo no Arxil farán que se poña a ritmo en pouco tempo.
O Club está a manter conversacións con Ana Martín, Jara Tuda, Sandra Entenza, Andrea Carrera e Carla Fernández para a súa renovación. Se estas cinco xogadoras desen o si teríase conseguido un desexo da afección e da dirección deportiva, e o equipo estaría practicamente confeccionada, á espera de fichar unha ou dúas xogadoras máis.
Tamén se espera pechar o cadro técnico do Arxil. Dende a directiva quérese apostar pola continuidade, con algunha nova incorporación ao cadro técnico do primeiro equipo.
En canto ao calendario, prevese que na última semana de agosto se comece a pretempada, xa que se querería facela dunha duración de mes e medio, e estase a esperar á reunión da Copa Galicia para pechar os encontros de pretempada, coa disputa de entre cinco e seis partidos.