O C.B. Arxil garántese a continuidade da pivot rusa Olga Fedorova
Por Redacción
O C.B. Arxil conseguiu unha renovación moi desexada polo Club, a de Olga Fedorova, un dos pivotes da tempada pasada. A xogadora rusa, afincada en Caldas de Reis, cumprirá a súa terceira campaña no Arxil e, tras unha tempada na que fixo grandes números, vese con forzas para seguir un ano máis.
Olga presenta uns números excelentes na tempada pasada, con 631 minutos disputados en 19 partidos, 284 puntos anotados, 179 rebotes (133 defensivos) e unha valoración de 363, mellorando de sobra os números da tempada 2011/12.
Fedorova dá consistencia e veteranía ao equipo e non lle treme a man á hora de xogársea. Ademais na tempada pasada conquistou o público do Estadio da Xuventude coa súa entrega e sacrificio, ao igual que o resto do equipo. Para Lino Vázquez, Olga Fedorova é unha veterana coa mentalidade dunha xogadora que acaba de subir do equipo júnior.
Polo momento Olga Fedorova e Fany Lopéz cobren as prazas de xogo interior do Arxil, mentres que por fóra estará, na posición de aleiro, Cristina Díaz-Pache. Pouco a pouco o equipo do Arxil vai collendo forma e esperando que o resto do equipo renove en breve. Estanse a ver xogadoras, tanto na posición de 4 coma de 3, co fin de facer un equipo moi competitivo, pero sempre coa premisa de que continúe a totalidade das xogadoras da tempada pasada.